A Xunta aproba 1,72 millóns de euros para atraer aos 200 mellores expedientes universitarios do exterior na quinta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

O Goberno galego aumenta en 50 bolsas BEME para o curso 2021/22 de cara a atraer aos galegos e galegas do exterior de alta cualificación, incentivando así que fixen a súa residencia e a súa actividade laboral na comunidade autónoma.

As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, cunhas contías que oscilan entre os 7.000 e os 11.574 euros.

Imaxe de arquivo da entrega de diplomas aos bolseiros e bolseiras BEME do curso 2019-2020
Imaxe de arquivo da entrega de diplomas aos bolseiros e bolseiras BEME do curso 2019-2020
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020.

O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova convocatoria, por parte da Secretaría Xeral da Emigración, das 'Bolsas Excelencia Mocidade Exterior' (BEME Máster), cuxa quinta edición supón un novo incremento, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada. Deste xeito, o Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22. 

Con este obxectivo, a administración autonómica pretende axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.

O obxectivo das BEME é non só atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios e beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Requisitos para ser persoa beneficiaria e contía da bolsa 
Os beneficiarios e benficirias da iniciativa deben ser galegas ou galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles e aquelas que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna). 

Á convocatoria do ano pasado presentáronse máis de 500 solicitudes procedentes de preto de 30 países distintos.

900 oportunidades de retorno 
O obxectivo do Goberno galego é que a publicación desta orde se realice coa maior brevidade posible no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que o prazo de solicitudes, que se pechará o 30 de abril, poida abrirse canto antes.  

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2021, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 900 mozas e mozos galegos do exterior no ámbito universitario. 

1625 lecturas