A cidade de Bos Aires conta cunha mouteira do Camiño de Santiago doada pola Xunta

A Secretaría Xeral da Emigración impulsou, xunto á Delegación da Xunta en Arxentina, a doazón deste elemento que se atopa instalado no barrio de Puerto Madero co obxectivo de que sexa un punto de encontro das peregrinacións.

Imaxe da inauguración da mouteira do Camiño de Santiago na capital arxentina
Imaxe da inauguración da mouteira do Camiño de Santiago na capital arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020.

A cidade de Bos Aires conta, dende onte, cunha nova mouteira que sinala o Camiño de Santiago, grazas a unha doazón da Xunta de Galicia e co obxectivo de convertelo nun punto de encontro das peregrinacións.

Deste xeito, o delegado da Xunta en Arxentina e a deputada lexisladora da Cidade Autónoma de Bos Aires, Cecilia Ferrero, descubriron a Mouteira do Camiño de Santiago, instalada no barrio de Puerto Madero, preto do Hotel dos Inmigrantes. Ademais, tamén estivo presente o sacerdote Francisco Baigorría, párroco da igrexa de San Ignacio de Loyola, que foi encargado de beicer onte deste elemento que marca o Camiño de Santiago.

Esta doazón xurdiu trala entrevista que levou a cabo a deputada Cecilia Ferrero o ano pasado co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, de xeito que as dúas institucións puideran traballar de maneira conxunta nunha iniciativa que permitira instalar un símbolo identitario da ruta xacobea, en vésperas do Ano Santo que está a piques de comezar.

A mouteira atópase emprazada no espazo verde María Esther de Miguel, situado no cruce das avenidas Macacha Güemes e De Los Italianos, do barrio porteño de Puerto Madero. A poucos metros de alí situábase o antigo porto de Bos Aires, lugar a onde chegaron centos de miles de inmigrantes españois e españolas, principalmente galegas e galegos, no último século. O lugar elixido xustifícase así pola pegada galega na cidade.

Cecilia Ferrero destacou durante o acto que “esta mouteira simboliza un lazo coas nosas raíces, as nosas orixes. Galicia non pode explicarse sen Bos Aires, sen a súa migración, e nós tampouco podemos explicarnos sen Galicia”.

A Secretaría Xeral da Emigración confirmou que, cando as condicións sanitarias o permitan, realizarán unha inauguración convidando á comunidade galega e as autoridades da Xunta no país, así como ao embaixador de España na Arxentina. 

Novas mouteiras no Sur de América
Pola súa banda, o vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo referencia a esta instalación agradecendo o recoñecemento de Arxentina co Camiño de Santiago, “que a vez é tamén un símbolo para os galegos do exterior”.

“Prodúcenos unha enorme satisfacción esta expresión do Xacobeo como dimensión que tamén chega á Galicia exterior e que fai que teñamos moi presente aos nosos galegos na Arxentina”, engadiu.

Ademais, a Xunta de Galicia está estudando a instalación de máis mouteiras do Camiño de Santiago no Cono Sur, nas cidades de Mar del Plata e de Montevideo. 

1809 lecturas