Miranda anuncia o desenvolvemento dun programa de contacontos en Nadal dentro da Aula GaliciaAberta
O secretario xeral da Emigración adiantou a través dunha videoconferencia emitida en directo a través do Facebook Live de GaliciaAberta que a nova proposta comezará a emitirse o próximo mércores, día 25.
As sesións, baixo o título “Un Nadal de contos”, correrán a cargo de Polo Correo do Vento, transmitíndose mércores e sábados ás 20 horas da tarde de España ata o próximo 26 de decembro.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou a través dunha videoconferencia a incorporación dunha nova sección infantil ao programa Aula GaliciaAberta: “Un Nadal de Contos”.
A iniciativa, que consistirá en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida a través do Facebook Live de GaliciaAberta os mércores e sábados de 20 a 21 horas de España dende o próximo 25 de novembro e ata o 26 de decembro.
Todas e todos aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.
Os contacontos alternarán historias de Nadal con contos sobre o Xacobeo e historias de persoeiros célebres coma o pirata Benito Soto. “Ademais, contaremos tamén cunha sorpresa para o día de Reis, que desvelaremos nas próximas semanas”, engadiu Rodríguez Miranda.
A presentación desta nova iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración realizouse a través dunha videoconferencia mantida entre o secretario xeral da Emigración e os membros de Polo Correo do Vento dirixida especificamente aos cativos e cativas da Galicia exterior que se retransmitiu a través do Facebook Live de Galicia Aberta.
Todas as historias contarán cun “toque persoal”, tal como adiantaron os integrantes de Polo Correo do Vento, Enrique Mauricio e Carlos Taboada.
Novas relacionadas