Miranda visita a Federación Venezolana de Galicia para coñecer o estado da campaña de recollida de medicamentos que está a realizar esta entidade con asociacións de todo o territorio galego

A Secretaria Xeral de Emigración recorda que se trata dunha acción solidaria na que a Xunta colabora no envío e que complementa a acción directa de axuda en Venezuela que tamén alí conta coa implicación dos centros galegos no país.

O secretario xeral aproveitou a visita tamén para facer balance da colaboración con esta entidade durante o ano 2020,que posibilita a información a retornadas e retornados e actividades formativas de acollida, complementando a acción das Oficinas de asesoramento e seguimento da propia Secretaría Xeral.
 

Antonio Rodríguez Miranda, durante a visita á sede da Federación Venezolana de Galicia - Fevega
Antonio Rodríguez Miranda, durante a visita á sede da Federación Venezolana de Galicia - Fevega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou nas últimas horas a sede da Federación Venezolana de Galicia, Fevega, para coñecer o desenvolvemento da campaña de recollida de medicamentos que esta entidade está a realizar para enviar ao país suramericano.

Tal e como recordou o secretario xeral, a Xunta de Galicia está a colaborar con esta entidade no envío de todas estas doazóns,  que se están a realizar por toda a comunidade autónoma coas distintas asociacións de venezolanas e venezolanos, co obxectivo de axudar a unha poboación galega en Venezuela xa moi afectada por unha delicada situación económica e social á que hai que unir a actual pandemia da covid-19.

As entidades colaboradoras nesta iniciativa son a Asociación Socio Cultural Deportiva “Amigos de Venezuela en Vigo”, a  Asociación de Venezolanos del Deza, a Asociación Ourensá Venezolana “Alma Llanera”, a Asociación Socio Cultural de Venezolanos de Santiago (AVESANTI)  e a Hermandad Venezolana das Rías Baixas.

Este envío de Fevega será canalizado a través da Hermandad Gallega de Venezuela. Neste senso, cabe agradecer o labor da Hermandad Gallega de Venezuela e das outras tres entidades de galegas e galegos no país (o Centro Galego de Maracaibo, o de Puerto La Cruz e a Hermandad Gallega de Valencia), por ser o vehículo que permite á autonomía galega chegar ata as persoas que máis o necesitan. 

Ademais de medicamentos, o envío tamén contará con outros produtos de tipo sanitario moi necesarios e de difícil acceso en Venezuela como é o material ortopédico, ou cueiros para persoas dependentes.

A colaboración no envío desta recollida de medicamentos solidarios lévase a cabo xunto con outras accións directas por parte da Secretaría Xeral da Emigración co obxectivo de aportar axudas sociais para as e os galegos residentes en Venezuela, tanto de tipo económico como facilitando medicamentos, e sempre en colaboración coas entidades sociais galegas no país. 

Colaboración anual con FEVEGA
O secretario xeral aproveitou a visita tamén para facer balance da colaboración con FEVEGA durante o ano 2020, que aínda que foi complicada pola pandemia, posibilitou desenvolver actividades de información a persoas retornadas desde as oficinas que ten a Federación en distintos puntos de Galicia e tamén a realización de accións formativas que facilitan a acollida das e dos retornados e as súas familias. Esta colaboración con FEVEGA complementa a acción das Oficinas de asesoramento e seguimento ao retornado da propia Secretaría Xeral de Emigración.

907 lecturas