Miranda destaca que se destinarán 150.000 euros para a entrega de medicamentos á colectividade galega en Venezuela

O secretario xeral da Emigración participou nun programa especial dos “Conversatorios Qué Vaina!” con motivo do 60 aniversario da Hermandad Gallega de Venezuela.

O departamento autonómico destinou tamén este ano case 1M€ en axudas para 1.400 familias galegas no país caribeño.

O secretario xeral da Emigración, durante unha charla na sede da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas (foto de arquivo)
O secretario xeral da Emigración, durante unha charla na sede da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas (foto de arquivo)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nun programa especial dos “Conversatorios Qué Vaina!” con motivo do 60 aniversario da Hermandad Gallega de Venezuela, no que anunciou que se destinarán 150.000 euros para a entrega de medicamentos en colaboración coa Hermandad Gallega de Venezuela, que será a encargada de distribuílos.  

Durante este faladoiro, o secretario xeral de Emigración destacou que a Xunta de Galicia está a traballar para facer máis fácil a calidade de vida das familias nun contexto se cabe aínda máis complexo e difícil que nunca, debido a que, á grave situación económica do país, únese a actual pandemia da covid-19.

Neste senso, agradeceu o labor da Hermandad Gallega de Venezuela e das outras tres entidades de galegas e galegos no país (o Centro Galego de Maracabio, o de Puerto La Cruz e a Hermandad Gallega de Valencia), por ser o vehículo que permite á autonomía galega chegar ata as persoas que máis o necesitan. “O apoio da Xunta de Galicia a estas entidades é o apoio de tódolos galegos aos nosos compatriotas en Venezuela. É o momento de axudarnos como familia que somos, e como tal, Galicia non vai fallar”, engadiu Rodríguez Miranda.

En relación a este apoio, o secretario xeral destacou que as axudas este ano incrementáronse dende as 1.000 do pasado 2019 ata as 1.400 familias, que percibirán en torno aos 800 euros, chegando así a un total de máis de 1 millón de euros. 

O programa pódese escoitar no seguinte enlace: https://venezuelaviva.ga/sociedad/la-hermandad-gallega-es-un-referente-s...

859 lecturas