Miranda comprométese coas entidades galegas do Uruguai nun forte incremento do apoio no seu financiamento en época Covid

O secretario xeral da Emigración agradece ás entidades locais o esforzo feito a prol da colectividade durante a “difícil situación que nos está a tocar vivir”.

O departamento autonómico destinou neste complexo ano 2020 2,4 millóns de euros a apoiar ás entidades galegas no mundo.

Na foto de arquivo, o presidente de Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cos presidentes e presidentas de entidades galegas no Uruguai
Na foto de arquivo, o presidente de Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cos presidentes e presidentas de entidades galegas no Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión de traballo coas entidades galegas na República Oriental do Uruguai  co obxectivo de coñecer a situación actual que están a vivir as cidadás e os cidadáns galegos que viven no estranxeiro e planificar o traballo conxunto de cara ao próximo 2021.

O encontro permitiu ao titular do departamento autonómico analizar cos e coas representantes dos centros galegos deste país a actual evolución da pandemia en Uruguai, onde, como no resto de países, estase a ter que priorizar as actividades telemáticas fronte as habituais presenciais, o que supón un cambio no xeito de xestionar e desenvolvelas.   

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou o encontro para planificar o traballo con este colectivo para o vindeiro ano, e trasladarlles que, ante as actuais necesidades xeradas pola situación de pandemia na que nos atopamos, “a Xunta de Galicia incrementou, ata nun 50%, o apoio para gastos de funcionamento das entidades galegas”, tendo en conta a baixada de ingresos que está a supor a covid-19. 

O secretario xeral quixo tamén animarlles a seguir traballando en prol do benestar da colectividade galega neste país, “un esforzo que valoramos enormemente dentro desta época de dificultades e imprevistos que está a xerar a pandemia da covid-19”.

Neste senso, Rodríguez Miranda tamén expuxo as diferentes opcións nas que vén traballando a Secretaría para reforzar con intensidade o sustento das entidades no vindeiro exercicio, promovendo, un ano máis, distintos programas de apoio que lles axuden a facer fronte aos custos derivados da actual crise sanitaria. Facendo un esforzo especial, o departamento autonómico destinou neste complexo ano 2020 2,4 millóns de euros a axudar ás entidades galegas no mundo.  

Cuarto país do mundo con máis presenza galega
Na reunión, na que tamén estivo presente o delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, participaron o Patronato da Cultura Galega, o Centro Gallego de Montevideo, a Casa de Galicia, o Centro Social Cultural Bergantiños, o Centro Pontevedrés, o Centro Alma Gallega, o Centro de Bolos Valle Miñor e o Centro Ourensán de Montevideo.

O Uruguai é o cuarto país do mundo con maior volume de cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior, cun total de 41.162 galegas e galegos, segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) a 1 de xaneiro de 2020, o que o converte nun dos principais destinatarios dos programas da Secretaría Xeral da Emigración.
 

725 lecturas