Miranda analiza coas entidades galegas de Suíza as dificultades que plantea a actual situación sanitaria no país helvético para o seu desenvolvemento e planifica o vindeiro 2021

O secretario xeral da Emigración destacou o incremento dun 50% das axudas aos centros galegos para fortalecer a súa solvencia de cara a afrontar a súa subsistencia pola baixada de ingresos que supuxo a pandemia.

O departamento autonómico destinou neste complexo ano 2020, 2,4 millóns de euros a apoiar ás entidades galegas no mundo.

O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia coas e cos representantes dos centros galegos en Suíza
O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia coas e cos representantes dos centros galegos en Suíza
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa colectividade galega de Suíza dentro da rolda de contactos que está a desenvolver tralo seu nomeamento, e co obxectivo de coñecer a situación actual que están a vivir as galegas e galegos que viven no estranxeiro.

O encontro permitiu ao titular do departamento autonómico analizar cos e coas representantes dos centros galegos deste país a actual evolución da pandemia en Suíza, na que tamén se está a producir un agravamento da situación. Tal e como explicaron, na actualidade as actividades presenciais están moi limitadas e aproveitan todo o posible as de tipo dixital e en liña. 

Ademais, Rodríguez Miranda aproveitou o encontro para planificar o traballo con este colectivo para o vindeiro ano, en especial en relación aos cambios que supón no seu desenvolvemento habitual a redución de actividades presenciais que teñen que ser substituídas por eventos de carácter telemático. 

Deste xeito, as e os responsables das entidades puxeron en común as súas necesidades e perspectivas de futuro, tendo sempre como obxectivo preservar e difundir a cultura e tradicións galegas, “un esforzo que valoramos enormemente dentro desta época de dificultades e imprevistos que está a xerar a pandemia da covid-19”, engadiu o secretario xeral.

Neste senso, Rodríguez Miranda tamén expuxo as diferentes alternativas e opcións nas que vén traballando a Secretaría para reforzar os vínculos e a colaboración coas entidades no vindeiro exercicio, promovendo, un ano máis, distintos programas de apoio que lles axuden a facer fronte aos custos derivados da actual crise sanitaria.  O secretario xeral da Emigración destacou o incremento dun 50% das axudas para gastos de funcionamento aos centros galegos para fortalecer a súa solvencia de cara a afrontar a súa subsistencia pola baixada de ingresos que supuxo a pandemia. Facendo un esforzo especial, o departamento autonómico destinou neste complexo ano 2020, 2,4 millóns de euros a axudar ás entidades galegas no mundo. 

Quinto país do mundo con máis presenza galega
Na reunión participaron o Centro Galego de Lucerna, a asociación de Promoción da Cultura Galega, a Asociación Cultural Galega A Roda, “As Xeitosiñas”, o Centro Recreativo Cultural Ourense, a Sociedade “A Nosa Galiza”, o Centro Galego de Olten, a Sociedade Galega Sementeira e a Irmandade Galega na Suiza.

En Suíza residen actualmente un total de 41.106 habitantes de orixe galega, erixíndose no quinto país do mundo con máis presenza galega, segundo os datos do Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2020 polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

421 lecturas