A Xunta lembra que Galicia será a primeira Comunidade en contar cunha Lei de impulso demográfico

Alfonso Rueda destacou a importancia de traballar de forma conxunta entre as comunidades para que o Goberno central teña en conta o reto demográfico na distribución dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Fabiola García destaca que Galicia leva anos traballando na aplicación de medidas concretas para superar o reto demográfico, como a gratuidade das escolas infantís para segundas e segundos fillos e sucesivos ou a implantación das casas niño.

  • O vicepresidente primeiro e a conselleira de Política Social participaron esta tarde por videoconferencia na reunión do FREDD
    O vicepresidente primeiro e a conselleira de Política Social participaron esta tarde por videoconferencia na reunión do FREDD
  • O vicepresidente primeiro e a conselleira de Política Social participaron esta tarde por videoconferencia na reunión do FREDD
    O vicepresidente primeiro e a conselleira de Política Social participaron esta tarde por videoconferencia na reunión do FREDD
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2020.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, lembraron que Galicia será a primeira comunidade en contar cunha Lei de Impulso Demográfico, que será aprobada no Parlamento galego nos primeiros meses desta lexislatura. Fixérono durante a súa intervención nunha nova reunión do Foro de Regiones Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD) celebrada esta tarde a través de videoconferencia.

A conselleira de Política Social destacou que Galicia leva anos situando as políticas demográficas entre as súas prioridades. Neste sentido, sinalou que foron as comunidades autónomas as que situaron no foco político nacional esta cuestión coa constitución no ano 2013 do FREDD, no que actualmente participan xunto con Galicia, Asturias, Castela e León, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura, A Rioxa e Cantabria.

Fabiola García afirmou que este percorrido iniciado desde as autonomías debe ser agora continuado a nivel nacional. Por iso, agradeceu a implicación amosada polo Goberno central nas últimas semanas e apuntou que é necesario que esta implicación se concrete nunha estratexia conxunta que dote aos diferentes territorios de fondos para atender un asunto de vital importancia.

Pola súa banda, Alfonso Rueda destacou que é importante traballar de forma conxunta co resto de comunidades autónomas que afrontan o reto demográfico para que na execución dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia “se teña en conta a transversalidade das cuestións relacionadas coa demografía” e os proxectos que cumpran eses criterios. Ademais, avanzou que tamén se abordou a posibilidade de traballar en iniciativas conxuntas entre as comunidades que integran o Fondo que inclúan este aspecto.

Galicia pioneira
Ademais, a conselleira apuntou que durante estes anos o Goberno galego traballou de forma solitaria para facer fronte a esta dinámica poboacional. En concreto, ademais de elaborar a primeira Lei de Impulso Demográfico, foi pioneira en implantar a gratuidade nas escolas infantís para segundas fillas e fillos e sucesivos, e conseguiu ser unha referencia nacional na conciliación nas zonas do rural coa implantación das casas niño.

335 lecturas