As e os beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que cursarán un mestrado na Universidade da Coruña protagonizan a última xornada informativa práctica online

A sesión está dirixida  aos 30 alumnos e alumnas, do total de case 150 bolseiras e bolseiros galegos procedentes do exterior, que elixiron a UDC no programa da Secretaría xeral da Emigración.

O Goberno galego, coa colaboración coa Asociación de Jóvenes Emigrantes en Galicia e as universidades galegas, recibiron orientación e asesoramento en directo sobre o sistema académico e sanitario galego, ademais de sobre a cultura, costumes e trámites a realizar antes de iniciar os seus estudos.

Imaxe da xornada de hoxe, dirixida aos bolseiros e bolseiras que van cursar un máster na Universidade da Coruña
Imaxe da xornada de hoxe, dirixida aos bolseiros e bolseiras que van cursar un máster na Universidade da Coruña
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Asociación de Jóvenes Emigrantes en Galicia e as tres universidades públicas galegas, dirixiron esta tarde a terceira e última xornada informativa online aos arredor de 30 beneficiarias e beneficiarios da Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que cursarán o seu mestrado na Universidade da Coruña (UDC). Remata así un ciclo de sesións distribuídas entre as diferentes institucións universitarias galegas que comezou a semana pasada e que ten como obxectivo ofrecer información práctica aos preto de 150 mozos e mozas galegas do exterior destinatarios deste programa do Goberno galego.

Representantes da UDC, a Consellería de Sanidade e a Secretaría Xeral da Emigración foron os encargados de ofrecer información e resolver as cuestións expostas polas e polos beneficiarios acerca do protocolo para a detección e manexo de casos de infección activa polo virus covid-19 e sistema sanitario e o académico galego, así como sobre o programa en si. Membros da Asociación de Jóvenes Emigrantes en Galicia e bolseiras e bolseiros de anteriores edicións das BEME deron resposta, pola súa banda, ás dúbidas acerca dos trámites e os aspectos máis prácticos da vida e o seu establecemento na comunidade autónoma, xa que moitos destes mellores expedientes académicos de mozas e mozos galegos do exterior son descendentes de emigrantes que proceden de diferentes países de América. 

América e Europa 
Do total de bolseiras e bolseiros desta cuarta convocatoria das BEME, 54 residen na Arxentina, 20 en Venezuela, 16 en México, 13 no Uruguai, 12 no Brasil, 10 no Reino Unido, 6 en Cuba, 3 en Chile e outros 3 en Alemaña, 2 en Portugal, 2 en Italia, e 1 en Canadá, Ecuador, Francia, Países Baixos, Rusia e Suíza, respectivamente. A idade media das e dos beneficiarios deste programa da Secretaría Xeral da Emigración sitúase en 29 anos, sumando a maioría dos alumnos e alumnas entre 22 e 30 anos de idade. Ademais, as mulleres concentran o 56% das bolsas, mantendo así a tendencia que experimenta esta iniciativa pioneira do Goberno galego desde a súa primeira edición, no curso 2017/2018.

Estratexia Galicia Retorna 
As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior forman parte da Estratexia Galicia Retorna, o primeiro plan integral de retorno de España, que persegue incentivar o retorno das cidadás e os cidadáns galegos do exterior, non só das persoas emigradas, senón tamén das e dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia a través dun total de máis de 60 medidas tanto específicas como transversais.

453 lecturas