Feijóo dá a benvida ás e aos visitantes a unha Galicia que os espera cos brazos abertos: "Volvemos con seguridade, calidade, hospitalidade e cos valores de sempre"

Resalta que a Comunidade que volve, faino ofrecendo 986 praias, dous millóns de hectáreas de bosques, unha oferta termal sen parangón e un patrimonio secular rico, diverso e accesible.

Afirma que cada novo establecemento que reabre as súas portas é unha parte de Galicia que recobra vida e ilusión; e valora o esforzo e a implicación de todo o sector para facer que turismo e seguridade sexan sinónimos.

Salienta que máis do 50% dos establecementos hoteleiros tramitaron reservas durante a primeira semana de xuño para os meses de verán.

O presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo González Pardal, incide en que o sector está máis preparado ca nunca para dar seguridade e tranquilidade.

  • O presidente da Xunta participou na presentación da nova campaña de promoción turística ‘Galicia volve’
    O presidente da Xunta participou na presentación da nova campaña de promoción turística ‘Galicia volve’

Vídeo promocional 'Galicia volve'
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2020.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participou esta fin de semana na presentación da nova campaña de promoción turística Galicia volve, onde deu a benvida ás e aos visitantes a unha Galicia que os espera cos brazos abertos: “Volvemos con seguridade, calidade, con hospitalidade e cos valores de sempre. Como sempre, Galicia volve ser ese lugar á vez coñecido e sorprendente onde calquera se sinte na casa”, aseverou, recordando que, desde mañá, recuperaremos a mobilidade en todo o espazo Schengen e, a partir do 1 de xullo, a mobilidade coa veciña Portugal. “A partir do 1 de xullo tamén, a catedral de Santiago volverá ser o lugar de encontro espiritual de Europa, e o Camiño acollerá a novos peregrinos”.

Durante o acto, Feijóo resaltou que a Comunidade que volve, faino ofrecendo 986 praias, dous millóns de hectáreas de bosques, unha oferta termal sen parangón e un patrimonio secular rico, diverso e accesible; e querendo superar o falso dilema entre turismo e seguridade, converténdoo en síntese para ofertar un turismo seguro.

Nesta liña, salientou que cada novo establecemento que reabre as súas portas é unha parte de Galicia que recobra vida e ilusión; e valorou o esforzo e a implicación de todo o sector para facer, en colaboración coa Administración galega, que turismo e seguridade sexan sinónimos. Ao respecto, referiuse aos 11 manuais de seguridade sanitaria que contemplan normas xenéricas, así como outras adaptadas á nova realidade; á formación ofertada ás e aos profesionais turísticos, xunto ao asesoramento directo; así como o apoio aos establecementos para adaptar espazos e equipamentos.

Logo de lembrar que o sector turístico representou no 2019 case o 10,5% do PIB galego e o 11% do emprego, Feijóo aseverou que o turismo interpretado en clave galega é convivencia, e quizais sexa iso o que explique que, nestes días, a Comunidade teña oito novas reservas por cada cancelación, con cifras alentadoras que repuntan de cara a xullo e sobre todo agosto. Máis do 50% dos establecementos hoteleiros tramitaron reservas durante a primeira semana de xuño para os meses de verán.

Feijóo concluíu agradecendo a Benedicta Sánchez, gañadora do premio Goya a mellor actriz revelación, e aos 130.000 galegos e galegas nos que recae o protagonismo desta campaña e que dedican a súa vida e o seu traballo a facer de Galicia a mellor casa do mundo.

Unha campaña, que segundo expresou, forma parte doutra máis grande que se desenvolve durante séculos. “Recibir ao visitante, acollelo, facelo partícipe do noso, captar os valores que trae consigo e despedilo como a un amigo que volverá , é algo que pasou a formar parte da nosa maneira de ser”, afirmou, subliñando que cada un e eunha dos viaxeiros, peregrinos ou turistas que veñen, deixan unha pegada e marchan como galegas e galegos honorarios convertidos en embaixadores e embaixadoras da Comunidade.

Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo González Pardal, aseverou que o sector está máis preparado ca nunca para dar seguridade e tranquilidade. “Galicia conta cuns recursos impresionantes e recibiremos a todo o mundo cos brazos abertos. Galicia vai volver ser o que éramos”, concluíu.

866 lecturas