Miranda invita aos galegos e galegas de todo o mundo, idade e coñecementos a formar parte de “Aula GaliciaAberta”, o novo programa que busca paliar as limitacións formativas causadas pola pandemia do coronavirus

O secretario xeral da Emigración presentou a través dunha videoconferencia na páxina de Facebook do departamento autonómico na que tamén participaron os catro profesores, a clase 0 dos obradoiros en liña que se porán en marcha o luns, dia 27. 

Canto e pandeireita concentrará durante dez semanas os luns, mentres percusión farao os martes, gaita os mércores e baile os xoves, todos en horario de 20 a 21 horas para o contido lectivo, e de 21 a 22 para resolver as dúbidas.

As clases emitiranse en vivo e en aberto de xeito gratuíto, sen necesidade de inscrición previa e, a continuación, colgaranse nas redes e web da Secretaría xunto ao material didáctico correspondente.

  • Imaxe, na sede de Emigración en Santiago de Compostela, da clase 0 celebrada hoxe de xeito telemático
    Imaxe, na sede de Emigración en Santiago de Compostela, da clase 0 celebrada hoxe de xeito telemático
  • Imaxe, na sede de Emigración en Santiago de Compostela, da clase 0 celebrada hoxe de xeito telemático
    Imaxe, na sede de Emigración en Santiago de Compostela, da clase 0 celebrada hoxe de xeito telemático
Presentación da Aula GaliciaAberta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, animou esta mañá a todos os galegos e as galegas do mundo a formar parte da Aula GaliciaAberta, un novo programa co que o Goberno galego quere contribuír a reducir as limitacións formativas que a pandemia do coronavirus está a impoñer ás actividades formativas dos preto de 200 centros que hai repartidos por América e Europa. O responsable do departamento autonómico fixo extensiva a invitación a estes seminarios, que hoxe celebraron a súa clase cero cunha videoconferencia a través do Facebook, “non só aos socios das entidades que tiveron que suspender as súas clases, senón tamén a todos aqueles, tanto do exterior como da Galicia territorial, que, tendo ou non coñecementos previos, queiran achegarse ou afondar nalgunhas das disciplinas máis características da cultura galega”. 

Os obradoiros, que comezarán a emitirse en directo vía streaming a través do Facebook da Secretaría, GaliciaAberta, o luns, 27 de abril, están dirixidos a usuarias e usuarios de todas as idades, lugares de residencia e niveis, mesmo aqueles que queiran ter un primeiro contacto con estas materias. Xunto ao titular de Emigración, participaron na clase 0 os catro profesores encargados dos obradoiros: Leni Pérez, Alexandre Fernández Castro, Jhonathan Ferreira e José Antonio Viñas. Canto e pandeireta, percusión, gaita e baile tradicional galego son, por esta orde, as disciplinas que se impartirán os luns, martes mércores e xoves en horario de 20 a 21 horas. A continuación, os docentes dedicarán os seguintes 60 minutos a resolver as dúbidas que plantexen os usuarios e usuarias en directo unha vez rematada a clase desde calquera parte do mundo.

Acceso libre ao material
Aquelas e aqueles interesados que non poidan asistir ás clases en directo poderán visualizalas no momento que desexen e as veces que precisen na web de GaliciaAberta (emigracion.xunta.gal), onde se colgarán unha vez rematada a clase, así como o material que os profesores faciliten. Este estará dispoñible unha semana antes para que os alumnos e alumnas poidan preparalos, se o docente o considera aconsellable. Os seminarios, que se prolongarán durante dez semanas, estarán integrados por unha decena de clases que, malia seguir un fío condutor, poderán ser atendidas de xeito independente para dar máis liberdade ao usuario ou usuaria.

Complemento doutros programas presenciais 
Este novo programa complementa o dos obradoiros tradicionais, que permitían a centros galegos de todo o mundo contar coa presenza dun profesor ou profesora, desprazado desde Galicia, de algunha das disciplinas incluídas na convocatoria que durante varias semanas reforzaba as actividades lectivas que levan a cabo nas súas sedes. A actual situación, tanto en España, que continúa en Estado de alarma, como noutros países, fai, sen embargo, inviable as actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo, polo que a Secretaría Xeral da Emigración continúa a buscar medidas como esta que aminoren parte das consecuencias que esta pandemia está a deixar nos principais países con maior poboación galega.

1363 lecturas