Miranda anuncia a posta en marcha da “Aula GaliciaAberta” para manter a formación e divulgación da cultura galega en todo o mundo durante a crise do coronavirus

O secretario xeral da Emigración adiantou que a proposta permitirá aos galegos e galegas, tanto do exterior como da comunidade, gozar de obradoiros en liña de distintas disciplinas relacionadas co patrimonio inmaterial de Galicia.

Os seminarios darán comezo o luns 27 de abril, e serán gratuítos e de libre acceso para todos os públicos.

Imaxe de arquivo dun dos programas de obradoiros de Emigración, celebrado no Centro Galego de México
Imaxe de arquivo dun dos programas de obradoiros de Emigración, celebrado no Centro Galego de México
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou hoxe o novo proxecto no que está a traballar o departamento autonómico, e que se atopa xa na súa última fase preparatoria. A Aula GaliciaAberta busca manter a actividade formativa e divulgativa da cultura galega en todo o mundo, alomenos durante o tempo que se prolongue a actual crise do coronavirus. Con esta medida o Goberno galego pretende paliar parte das consecuencias dunha pandemia que está a paralizar a actividade de gran parte das entidades galegas no exterior, que se viron forzadas nas últimas semanas a pechar as súas sedes e cancelar a inmensa maioría dos seus compromisos sociais e culturais. 

A “Aula GaliciaAberta” quere dar, así, cobertura aos socios e socias dos centros galegos que atopan máis dificultades á hora de manter activas as súas actividades lectivas, ou complementar, noutros casos, as que si se seguen a impartir a través de Internet. “Desde a Xunta de Galicia sabemos que as entidades galegas no exterior son fundamentais tanto para preservar e difundir a cultura e tradicións de Galicia no exterior, como para estreitar os lazos entre os galegos que viven fóra das nosas fronteiras e os que residen na propia comunidade”, sinalou Miranda. “Hoxe, esa función faise aínda máis visible e necesaria”, engadiu, “porque as barreiras agora están levantadas para todos, e están a separar familias que viven a poucos metros de distancia, ou incluso na mesma casa. Nós, con esta nova iniciativa, queremos poñer o noso grao de area para derrubar esas barreiras e acurtar as distancias, que xa non entenden de fronteiras nin de continentes”.

Retransmisión en directo
De aí que os obradoiros en liña que comezarán o luns 27 de abril, vaian ter carácter gratuíto e público, xa que estarán dirixidos non só os alumnos e alumnas xa existentes de calquera das materias, senón tamén a aquelas persoas que, malia non ter coñecementos previos, queiran achegarse a estas disciplinas. Baile tradicional galego, canto e pandeireta, percusión e gaita tradicional galega centrarán esta edición inaugural da “Aula GaliciaAberta”. A retransmisión en directo destas clases poderá seguirse a través das redes sociais da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta - emigracion.xunta.gal, onde se irá ampliando a información relativa a este novo programa do departamento autonómico nos vindeiros días. 

Este novo programa complementa o dos obradoiros tradicionais, que permitían a centros galegos de todo o mundo contar coa presenza dun profesor ou profesora, desprazado desde Galicia, de algunha das disciplinas incluídas na convocatoria que durante varias semanas reforzaba as actividades lectivas que levan a cabo nas súas sedes. A actual situación, tanto en España, que continúa en Estado de alarma, como noutros países, fai, sen embargo, inviable as actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo, polo que a Secretaría Xeral da Emigración continúa a buscar medidas como esta que aminoren parte das consecuencias que esta pandemia está a deixar nos principais países con maior poboación galega.

3334 lecturas