O Celga universalízase coa posta en marcha do nivel de aprendizaxe 2 en liña

O 16 de marzo arrancan os primeiros cursos en liña do Celga 2 que, canda os outros tres niveis de aprendizaxe xa existentes, lle garanten o acceso global á aprendizaxe oficial do galego a calquera cidadá ou cidadán desde calquera parte do mundo.

Tal e como anunciara, o Goberno galego completa así a implementación da modalidade de teleformación no sistema  que  certifica a competencia en lingua galega adaptado ao MECRL.

A matrícula, tanto nestes coma no resto de cursos Celga, está aberta na sede electrónica da Xunta ata o vindeiro 19 de febreiro.

  • Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
    Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
  • Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
    Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
  • Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
    Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
  • Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
    Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
  • Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
    Imaxe da rolda de prensa desta mañá en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020.

O certificado de acreditación da lingua galega (CELGA) universalízase coa posta en marcha do nivel de aprendizaxe 2 (B1) na modalidade de teleformación, tal e como anunciou o Goberno galego hai un ano, cando avanzou que antes do remate da lexislatura estarían implementados e en funcionamento todos os cursos preparatorios das probas de acreditación dos catro primeiros niveis Celga (ao Celga 5 só se pode acceder mediante a validación de estudos universitarios de especialidade en galego). O vindeiro 16 de marzo arrancan os primeiros cursos en liña preparatorios das probas do Celga 2, que ofrecen un total de 150 prazas distribuídas en cinco aulas virtuais e que requiren matrícula previa gratuíta desde a Sede Electrónica da Administración autonómica ata o 19 de febreiro. 

Así o deron a coñecer hoxe pola mañá en rolda de prensa os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García, e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente, e mais a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañados do responsable da empresa encargada de desenvolver este proxecto, imaxin l software, Diego Vázquez Rey, e da subdirectora xeral de Política Lingüística, Mª Lourdes Batán.

“Galicia, tanto a territorial como a da diáspora, estrea o curso Celga 2 en liña e dá un paso importante completando a oferta formativa en liña destinada ao Celga”, sinalou Valentín García durante a súa intervención. O secretario xeral avanzou tamén que os próximos traballos destinados á formación e aprendizaxe do galego mediante o sistema Celga “van centrar esforzos na inclusión para adaptar materiais, recursos e metodoloxías ás diferentes necesidades especiais da cidadanía”.

A directora da Amtega destacou que a tecnoloxía elimina os límites temporais e espaciais e as fronteiras, facilitando o acceso á formación desde calquera lugar do mundo. Pereira enmarcou esta iniciativa nas medidas para incrementar os servizos en liña aos galegos e galegas, entre eles a teleformación, e tamén nas actuacións para facilitar o acceso universal e a difusión da cultura e a lingua galegas como o portal da lingua, o tradutor Gaio e todas as liñas da Memoria Dixital de Galicia, na que se enmarca a recente posta en marcha do portal de toponimia e a aplicación que permite a colaboración da cidadanía para recompilar e xeorrefenciar os topónimos galegos.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou a importancia dunha iniciativa que “pon a disposición de toda a colectividade a aprendizaxe da nosa lingua”. “A partir de hoxe, calquera galego en calquera lugar do mundo pode acceder a este curso”, incidiu. 

Celga 2 en liña
O novo curso Celga 2 en liña completa a oferta formativa en liña do sistema Celga nos catro niveis que se poden acreditar mediante exame, para facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña.

Os obxectivos e contidos do curso Celga 2 en liña correspóndense cos do nivel B1 do Marco europeo común de referencia para as linguas (MECRL). Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que o guía e que implica a colaboración, o papel activo da ou do discente e a reflexión crítica. Así, través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das oito unidades do curso, organizadas arredor dunha tarefa principal e divididas en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar. Neles, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades. 

O curso Celga 2 en liña axústase aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecidos para cada un dos niveis sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga). Foron elaborados por un grupo de expertas e expertos docentes partindo do manual Aula 2 pero cunha ampla actualización tanto nos textos, nos vídeos como nos audios, adaptados para os deseños de novas actividades máis actualizadas. 

Estes curso vanse desenvolver entre o 16/03/2020 e o 08/05/2020, segundo o recollido na resolución do 17 de xaneiro de 2020, DOG do mércores 29 de xaneiro de 2020.Toda a información en http://www.lingua.gal/curso-celga-2-lina.

Sistema Celga
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao MECRL e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.

Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.

928 lecturas