Feijóo valora o compromiso da Casa de Galicia en Montevideo para ofrecer máis e mellores recursos sanitarios a todas e todos os galegos do Uruguai adaptados ás necesidades do momento

Agradece que a fraternidade e a solidariedade sigan a ser os piares destes centros, como se pon de manifesto a través dun sistema de mutuas que sigue estando vixente.

Destaca tamén a vocación desta entidade como punto de encontro da colectividade galega no país, mantendo viva desde hai máis dun século a galeguidade.

Traslada a esta institución o afecto de todos os galegos polo préstamo temporal da escultura Santa de Francisco Asorey, símbolo da fortaleza da muller labrega que leva case 70 anos no Uruguai e que forma parte da exposición Galicia, un relato no mundo, que acolle o Museo Centro Gaiás.

O titular da Xunta visitou esta tarde o sanatorio social desta institución e presidiu a sinatura do acordo desta entidade coa clínica oncolóxica Leborgne
O titular da Xunta visitou esta tarde o sanatorio social desta institución e presidiu a sinatura do acordo desta entidade coa clínica oncolóxica Leborgne
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (O Uruguai), 31 de xaneiro de 2020.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe o compromiso da Casa de Galicia en Montevideo para ofrecer máis e mellores recursos sanitarios a todas e todos os galegos do Uruguai, adaptados ás necesidades do momento.

Durante unha visita esta tarde ao sanatorio social desta institución, onde presidiu a sinatura do acordo desta entidade coa clínica oncolóxica Leborgne, acompañado ademais por cinco futuros ministros do Goberno de Lacalle, Feijóo quixo deste xeito agradecer que a fraternidade e a solidariedade sigan a ser os piares destes centros, como se pon de manifesto a través dun sistema de mutuas que sigue estando vixente.

Feijóo subliñou que con este acordo a Casa de Galicia referenda a súa vontade de mellora constante, como se reflicte a través do seu sanatorio, un edificio de 14.000 metros cadrados, distribuídos en 7 plantas e con capacidade para 380 camas.

Así mesmo, destacou a vocación desta entidade como punto de encontro da colectividade galega no país, mantendo viva desde hai máis dun século a galeguidade, a través de diversas actividades culturais para promover o idioma, cunha biblioteca con 4.500 volumes, así como o baile e a música tradicional.

Esta institución conta na actualidade con máis de 46.500 persoas asociadas, prestando servizos a preto de 25.600 galegas e galegos que residen no país.

Agradecemento polo préstamo temporal da escultura Santa de Francisco Asorey
O presidente da Xunta aproveitou a visita para trasladar á Casa de Galicia en Montevideo o afecto de todos os galegos e galegas polo préstamo temporal da escultura Santa de Francisco Asorey, símbolo da fortaleza da muller labrega que leva case 70 anos no Uruguai e que forma parte da exposición Galicia, un relato no mundo, que acolle o Museo Centro Gaiás.

Logo de precisar que esta exposición é a primeira das tres grandes mostras xacobeas que terán lugar ata o 2021, Feijóo quixo trasladar a emoción e o orgullo por que esta emblemática escultura volva estar en Galicia logo de que saíra de Vigo en 1951. Non en van, a Santa é unha das obras de arte galegas máis significativas do pasado século, polo potente e provocador simbolismo co que Francisco Asorey representou á muller galega, rachando cos códigos estéticos predominantes na época.

716 lecturas