O Goberno galego activa tamén para as e os emigrantes retornados unha achega de preto de 24,5 M€ para apoiar ás e aos autónomos a emprender, crear emprego e conciliar

Feijóo destaca que con estas medidas poderanse beneficiar máis de 7.000 autónomas e autónomos e traballadoras e traballadores e arredor de 545 empresas.

A Estratexia Retorna 2020 compóñena máis de medio cento de medidas para facilitar a volta a Galicia dos galegos e galegas residentes no exterior
A Estratexia Retorna 2020 compóñena máis de medio cento de medidas para facilitar a volta a Galicia dos galegos e galegas residentes no exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2020.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves na rolda de prensa do Consello que a Xunta activará nas próximas semanas axudas por preto de 24,5 M€ para axudar as persoas que traballan por conta propia a consolidar os seus negocios, crear emprego e conciliar a vida familiar e laboral.

Logo de precisar que, en total, con estas medidas poderanse beneficiar máis de 7.000 autónomas e autónomos e traballadoras e traballadores e arredor de 545 empresas, Feijóo destacou a posta en marcha do bono de Nova Oportunidade, que concederá ata 12.000 euros a persoas que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante para que volvan emprender.

O Bono Renova busca facilitar o traspaso dos negocios e impulsar a transmisión xeracional con axudas dende 5.000 ata 29.000 euros. Por outra banda, e a través dun acordo de colaboración coa Fundación Ronsel, desenvolverase un proxecto piloto de mentoring para autónomas e autónomos.

En relación ás iniciativas que xa se puxeron en marcha anteriormente e que se volven convocar, Feijóo referiuse ás axudas para impulsar o emprego autónomo e apoiar a consolidación do existente. Unha nova convocatoria á que se destinarán 13,6 millóns de euros, coa previsión de beneficiar a 4.000 autónomas e autónomos e 125 empresas.

O obxectivo é facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, para o que se establecerán incentivos de 2.000 euros para apoiar o inicio da actividade das e dos autónomos, duplicándose a contía ata os 4.000 euros para as e os menores de 30 anos, os parados e paradas de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Esta mesma convocatoria incluirá tamén axudas para que as e os autónomos poidan contratar de xeito indefinido a traballadoras e traballadores.

Tanto nas axudas para os autónomos e autónomas que se dan de alta como para as e os que realizan contratacións, as contías das axudas increméntanse nun 25% extra en cada un dos seguintes casos: se a persoa incorporada é unha muller, unha persoa emigrante retornada, un maior de 45 anos ou no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural. Polo tanto, “o máximo das axudas se move entre 9.000 e 20.000 euros por autónomo”, incidiu Feijóo.

Ademais de medidas no ámbito da conciliación por maternidade e paternidade, para facilitar a compatibilidade da vida familiar e laboral, Feijóo destacou a posta en marcha do programa para apoiar a consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

A través desta iniciativa impulsarase, por unha banda, o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, con axudas de ata 186.000 euros. E, por outra banda, e co obxectivo de dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria, as iniciativas de emprego de base tecnolóxica contarán con axudas de ata 64.500 euros en función do proxecto.

O Bono Autónomo ten como obxectivo apoiar na súa consolidación aos emprendedores e emprendedoras que leven máis de 42 meses de traxectoria. E contará con dúas liñas de axudas que poden chegar ata 3000 euros por persoa beneficiaria.

Ademais, activarase unha convocatoria para apoiar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas, con axudas de ata 55.000 euros por entidade.

O presidente do Goberno galego concluíu subliñando que estas medidas forman parte da Estratexia do Autónomo 2020 e incidiu en que Galicia é un referente cando se fala de consolidación, xa que o 73,9% das e dos autónomos leva máis de 3 anos, 6 puntos por enriba da media estatal (67,9%).

831 lecturas