Miranda anima á Casa de Galicia de Córdoba a aproveitar a riqueza da cultura galega para “achegala a todos os recunchos”

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro con representantes da entidade facendo un repaso das actividades levadas a cabo durante o 2019 e preparando as previstas para 2020.

Agradece o seu esforzo a prol do irmandamento entre Galicia e Andalucía, que no último ano ten permitido impulsar distintas actividades culturais entre localidades como Moraña e Cardeña.

Imaxe do encontro celebrado na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Imaxe do encontro celebrado na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de manter un encontro con Maribel García Cano, vogal de relacións institucionais da Casa de Galicia en Córdoba, á que animou a seguir aproveitando a riqueza da cultura galega como vehículo para “achegala a todos os recunchos” da súa comunidade. 

Neste marco, o responsable autonómico salientou as actividades que está a desenvolver a entidade, intensificando o seu labor de difusión da cultura galega a través de diferentes iniciativas que promoven o irmandamento entre Galicia e Andalucía, e que no último ano ten permitido mesmo impulsar actividades conxuntas entre localidades tan lonxanas como Moraña e Cardeña. 

Así mesmo, o encontro permitiu tamén avanzar propostas de actividades para este 2020, ademais de facer balance das desenvolvidas nos últimos exercicios, entre as que destacan o clube de lectura propio, que permite achegar autoras e autores galegos de recoñecido prestixio; o seu certame anual de poesía que, baixo o título de Rosalía de Castro, premia as mellores composicións poéticas; ou aquelas desenvolvidas no ámbito gastronómico, “un dos motores que ten Galicia para espallarse por todo o planeta, grazas tanto á súa materia prima de recoñecida calidade como ás coidadas elaboracións que están a encher de nomes propios galegos os recoñecementos máis internacionais”.

O secretario xeral da Emigración agradeceu a toda a directiva e ás socias e socios da Casa de Galicia en Córdoba a súa implicación no bo funcionamento da entidade e mesmo na súa apertura a todas e todos os veciños da cidade andaluza, ás e aos turistas e aos propios galegos e galegas residentes nesa comunidade autónoma. 

532 lecturas