A Xunta destinará 1,3 millóns de euros a programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre as que se inclúen as emigrantes retornadas

O investimento para 2020 increméntase en case un 43% con respecto ao orzamento inicial de 2019.

Este programa está comprendido dentro do máis de medio cento de medidas que conforman a Estratexia Retorna 2020
Este programa está comprendido dentro do máis de medio cento de medidas que conforman a Estratexia Retorna 2020
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019.

O Consello da Xunta aprobou este xoves o investimento de 1,3 millóns de euros nas axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que poñan en marcha programas específicos de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

O crédito reservado a estas axudas na convocatoria de 2020 increméntase en case un 43% en comparación coa orde deste exercicio, á que a Xunta destinou unha contía inicial de 910.000 euros. Esta achega inicial ampliouse o pasado xullo con outros 429.477 euros que permitiron aumentar ata as 69 o número de entidades beneficiarias este exercicio. A Administración autonómica investiu nesta orde de axudas máis de 11,6 millóns de euros na última década.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade as vítimas de violencia de xénero; de explotación sexual-laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas e ex-reclusas, entre outros supostos.

Ao abeiro desta convocatoria subvencionaranse programas que inclúan recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes con fillos ou fillas menores de tres anos; e tamén iniciativas de atención personalizada e especializada para aquelas mulleres pertencentes aos colectivos expostos.

O programa debe prever unha atención personalizada recollida en proxectos de integración individuais en que se plasmen intervencións específicas a través dalgunha das actuacións obxecto de subvención (atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais e apoio e orientación laboral). A actuación debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara á súa integración en termos de igualdade.

658 lecturas