O Museo Gaiás recibe a 'Santa' de Asorey, símbolo da fortaleza da muller labrega galega que levaba case 70 anos no Uruguai

A escultura foi recibida esta mañá polo conselleiro de Cultura e Turismo, xunto ao secretario xeral de Emigración, que destacou o compromiso desta exposición por “preservar e difundir o patrimonio galego, proxectando ao mundo a nosa riqueza cultural e turística”.

Formará parte de ‘Galicia, un relato no mundo’, a primeira exposición internacional da Xunta polo Xacobeo 21 que abre as súas portas no Gaiás o 15 de novembro.

Presentada en 1926, a ‘Santa’ rachou os códigos estéticos da representación feminina da época coa súa imaxe dunha labrega espida e cargada cun xugo.

  • O Museo Gaiás recibe a 'Santa' de Asorey, símbolo da fortaleza da muller labrega galega que levaba case 70 anos no Uruguai
    O Museo Gaiás recibe a 'Santa' de Asorey, símbolo da fortaleza da muller labrega galega que levaba case 70 anos no Uruguai
  • O Museo Gaiás recibe a 'Santa' de Asorey, símbolo da fortaleza da muller labrega galega que levaba case 70 anos no Uruguai
    O Museo Gaiás recibe a 'Santa' de Asorey, símbolo da fortaleza da muller labrega galega que levaba case 70 anos no Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2019.

O Museo Centro Gaiás acolle xa a escultura Santa de Francisco Asorey, que foi instalada esta mañá na sala de exposicións que a albergará ata abril de 2020 no marco de Galicia, un relato no mundo, a primeira das tres grandes exposicións xacobeas que terán lugar nos anos 19, 20 e 21. No acto de recepción da peza estiveron presentes o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o comisario da mostra, Manuel Gago, e a neta do escultor, Carmen Asorey, entre outras autoridades.

O titular de Cultura do Goberno galego expresou “a emoción e o orgullo por conseguir traer a Galicia, tras case setenta anos no Uruguai, esta emblemática escultura, considerada polo propio Asorey como a obra da que estaba máis satisfeito, e que volverá por vez primeira a España desde que saíra de Vigo en 1951”, lembrou o conselleiro.

Román Rodríguez quixo tamén agradecer á Casa de Galicia en Montevideo o préstamo temporal desta destacada obra para formar parte dunha exposición “que deixa patente o compromiso da Xunta para preservar e difundir o noso patrimonio, situando Galicia no contexto internacional e proxectando ao mundo a nosa riqueza cultural”, expresou o conselleiro. Galicia, un relato no mundo lémbranos tamén “a existencia dun valioso patrimonio cultural fóra do territorio galego, un legado vinculado ás raíces históricas e mitolóxicas da nosa cultura que nos conectan con Europa, e tamén á Galicia emigrante a través do valioso patrimonio preservado nos centros e sociedades galegas de América, que amosa o interese da diáspora pola cultura de Galicia”, resaltou o titular de Cultura.

A instalación da escultura na sala de exposicións do Museo Centro Gaiás realizouse en presenza tamén do secretario da Xunta Directiva da Casa de Galicia en Montevideo, José Enrique Sienra– que acompañou a obra na súa viaxe a Galicia–; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira; e a profesora de Historia de América da USC, Pilar Cagiao, asesora especial da exposición no relacionado coas pezas procedentes de América.

Contexto da obra
Realizada en madeira policromada e de case dous metros de altura, a escultura Santa é unha das pezas máis destacadas de Francisco Asorey, e tamén dunha das obras de arte galegas máis significativas do pasado século, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos predominantes na época.

Foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, onde o escultor cambadés levaría a primeira medalla con outra obra, San Francisco. Santa, pola súa banda, provocou gran sorpresa pola súa representación dunha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo –nunha imaxe moi afastada da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX– e portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo e sometemento.

A imaxe orixinou un amplo debate, dando lugar a discusións arredor da representación do corpo da muller e tamén ao fío da lectura política da obra, que se asociou aos esforzos da muller labrega pero tamén se entendeu como un símbolo da situación da Galicia da época.

A obra sería cualificada na prensa da época como “dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”, ou “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. Anos despois, nunha entrevista á prensa en 1956, Francisco Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba “máis satisfeito”.

Outras pezas desctacadas da exposición
Galicia, un relato no mundo reunirá na Cidade da Cultura numerosas obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo. Algunhas destas obras son prestadas por entidades da categoría do Trinity College de Dublín, a Biblioteca Apostólica Vaticana ou a Cambridge University-Parker Library, entre outras 80 institucións culturais e coleccións privadas, tanto de Europa e América e do resto de España e de Galicia.

Así, no Museo Centro Gaiás agardan xa á apertura da mostra pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, ou a Biblia Kennicott –manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia–.

A exposición, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e que se poderá visitar de balde no Museo Centro Gaiás entre o 15 de novembro e o 12 de abril de 2020, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía.

1201 lecturas