Máis de 1.000 alumnas e alumnos participarán en 35 obradoiros de folclore, artesanía e cociña galega celebrados en distintas comunidades do exterior

A metade destes cursos organizados pola Secretaría Xeral da Emigración impartiranse en América: 5 en Brasil, 4 en Arxentina, 3 en Cuba, e un en Chile, Panamá, Costa Rica, México e Venezuela.

Durante a última década, os obradoiros teñen formado a preto de 14.000 participantes en distintas especialidades relacionadas coa cultura galega.

Imaxe de arquivo dun dos obradoiros celebrados no Centro Galego de México
Imaxe de arquivo dun dos obradoiros celebrados no Centro Galego de México
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2019.

A Secretaría Xeral da Emigración realizará este ano, en colaboración coas comunidades galegas, un total de 35 obradoiros de folclore, artesanía, cultura e cociña galega, impartidos a través das propias colectividades galegas da diáspora, e dos que se beneficiarán directamente algo máis dun milleiro de alumnas e alumnos.

Estas accións formativas abranguen ámbitos diversos como a gaita, o baile, a pandeireta, a percusión ou a gastronomía, e levaranse a cabo no último trimestre do ano en distintos países nos que se asenta a comunidade galega correspondente. 

Así, a metade dos obradoiros impartiranse en América: 5 en Brasil, 4 en Arxentina, 3 en Cuba, e un en Chile, Panamá, Costa Rica, México e Venezuela. O resto celebraranse en Suíza, Alemaña e distintas colectividades do noso país. 

Preto de 14.000 alumnas e alumnos
Neste marco, cómpre salientar a alta capacitación técnica e nivel de compromiso de todo o profesorado dos obradoiros, que contan con ampla experiencia na actividade formativa e, sobre todo, no campo profesional da materia obxecto do curso. Tamén convén destacar que as especialidades nas que a Secretaría Xeral da Emigración colabora son aquelas que sinala precisamente o alumnado a través das comunidades galegas ás que está adscrito.

Durante a última década, os obradoiros teñen formado a preto de 14.000 alumnas e alumnos en distintas especialidades relacionadas co folclore e a cultura galega, tendo as accións un efecto multiplicador aínda maior por canto o alumnado directo é despois o encargado de espallar estas técnicas e coñecementos entre as e os receptores finais, que son os galegos e galegas residentes fóra da Galicia territorial.

Esta liña de actuación compleméntase con outras destinadas á mocidade, tales como o programa ‘Conecta con Galicia’, ‘Campos de Voluntariado’ ou ‘Escolas Abertas’ nas que, se ben participan persoas de tódalas idades, rexistran un moi maioritario número de rapaces e rapazas menores de 25 anos. 

752 lecturas