Miranda agradece ao Centro Galego de Londres o seu traballo a prol da cultura galega e trasládalle o respaldo da comunidade ante a incerteza xerada polo brexit

O secretario xeral da Emigración mantén un encontro co presidente dunha entidade que ten máis de 400 persoas asociadas, das que arredor do 85% son galegas.

O Reino Unido é o país de Europa no que máis crece a tendencia ao retorno e o segundo en cifras absolutas de regreso.

O secretario xeral da Emigración e o presidente do Centro Galego de Londres, no despacho do primeiro na capital de Galicia
O secretario xeral da Emigración e o presidente do Centro Galego de Londres, no despacho do primeiro na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe un encontro co presidente do Centro Gallego de Londres, Nicolás Miño Suárez, a quen, ademais de  agradecerlle o seu traballo continuo a prol da cultura galega no Reino Unido, trasladoulle o respaldo da comunidade galega ante a incerteza xerada polo brexit

Neste sentido, Miranda sinalou que dita incerteza ten “unha alternativa en Galicia” a través dunha “batería de medidas deseñadas especificamente para aqueles que se plantexan regresar á comunidade”. 

O país cunha maior tendencia de retorno
O Reino Unido é, de feito, o segundo estado de Europa do que máis cidadás e cidadáns galegos retornan por detrás unicamente de Suíza, que encabeza a listaxe. O formado por Gran Bretaña e Irlanda do Norte é, ademais, o país desde o que máis se incrementou o retorno nos últimos cinco anos, case duplicándose (medrou o 93,6%) desde 2013, e é o que experimenta unha maior tendencia á alza. O retorno de Suíza, por exemplo, medrou un 70,52% desde 2013. 

A 1 de xaneiro de 2019 a cifra total de galegas e galegos residentes neste país europeo é de 14.736, o que o converte no cuarto país do continente con maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, superado por Suíza, Francia e Alemaña.

871 lecturas