Galicia xerará, reterá e facilitará o retorno de novos investigadores e investigadoras de alta cualificación a través do programa Talento Sénior

A iniciativa da Xunta, cunha dotación ampliable de preto dun millón de euros, permitirá a contratación de 14 profesionais con máis de cinco anos de traxectoria en empresas, organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos.

Os incentivos para as entidades beneficiarias variarán en función da retribución bruta dos contratos e primarase o regreso de profesionais a Galicia, o emprego indefinido e a incorporación de mulleres.

As e os 10 doutores e especialistas contratados na primeira edición continúan a desenvolver na actualidade actividades de I+D+i en sectores como as TIC, automoción, aeronáutica, Industria 4.0 ou os servizos de enxeñaría.

Como novidade nesta segunda convocatoria, as empresas e centros de coñecemento poden propoñer os perfís profesionais que máis precisen.

Talento Sénior é unha das medidas que forma parte do Plan Galicia innova, que ten como obxectivo favorecer a actividade económica e industrial a través da innovación.

O programa Talento Sénior é unha das máis de medio cento de medidas comprendidas na Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
O programa Talento Sénior é unha das máis de medio cento de medidas comprendidas na Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2019.

A Xunta publicará nas próximas semanas a segunda convocatoria do programa Talento sénior, co que busca impulsar a xeración, retención, atracción e o retorno de investigadoras e investigadores doutores e profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas para que leven a cabo en Galicia proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos. Con esta iniciativa, que se aprobou no Consello da Xunta e que conta cun orzamento ampliable de preto dun millón de euros, prevese apoiar un total de 14 contratacións de persoal con máis de cinco anos de experiencia na área da I+D+i. 

Os incentivos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para as entidades beneficiarias variarán en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos, no cal deberán achegar á ou ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade. Ademais, o persoal poderá estar contratado pola entidade beneficiaria da axuda desde o pasado 1 de xaneiro e para aqueles contratos que se formalicen ata o 31 de outubro. 

A convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, esixe a excelencia das propostas e, así, só se terán en conta aquelas que alcancen unha puntuación mínima do 60% do total dos puntos establecidos no baremo. Como na primeira edición, entre outros criterios, valorarase o perfil da persoa que se vai contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional, así como a condición de retorno e atracción. Ademais, tamén se prestará especial relevancia á presentación dun plan de igualdade de xénero no equipo do proxecto e que a persoa contratada sexa muller, primando tamén as contratacións indefinidas. 

Entre os obxectivos deste novo programa, que se prevé publicar no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas, búscase estimular a demanda de profesionais de alta cualificación tanto no sector público como no privado. Así, dos 14 contratos previstos para este ano, nove están reservados a empresas e cinco a centros de coñecemento (organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos). 

Como novidade nesta segunda convocatoria do programa Talento sénior, as entidades poden propoñer os perfís profesionais que máis demandan, en lugar do currículo do persoal de alta cualificación, como se requiriu o ano pasado. 

De feito, a través da edición de 2018 deste programa, incorporáronse 10 profesionais de alta cualificación a seis empresas, con sete contratos formalizados; ao Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), con dous contratos; e ao Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), con un. Estas dez persoas seguen a desenvolver actualmente o seu traballo, realizando actividades de I+D+i en sectores como as TIC, automoción, aeronáutico, Industria 4.0, lácteo, pesca ou servizos de enxeñaría. 

A Xunta prevé, entre 2018 e 2021, a mobilización de 46,8 millóns de euros a través das súas iniciativas vinculadas á xeración, captación e retorno de talento a Galicia. De feito, Talento sénior, que contribúe á mellora da competitividade das empresas e organismos públicos de investigación galegos, así como á creación de emprego de alta cualificación, compleméntase con outros programas impulsados pola Xunta para atraer talento, como o Oportunius, centrado en investigadoras e investigadores excelentes ERC; o programa Principia, que ten permitido desde a súa posta en marcha a incorporación de 362 profesionais menores de 35 anos en 158 entidades; ou o programa Ignicia, no cal a Xunta conta coa colaboración da Fundación Barrié para levar ao mercado, a través do fondo de proba concepto, os resultados científico-tecnolóxicos xerados nos centros de coñecemento galegos con potencial para a súa comercialización, ben sexa a través de licenzas ou a través da creación de spin offs, unha iniciativa que permitiu crear e manter 109 empregos cualificados. 

Ademais, o programa Talento sénior é unha das medidas incluídas no Plan Galicia innova, que ten como obxectivo impulsar a actividade económica e industrial, o que redundará na xeración de emprego e benestar social a través da innovación. 

678 lecturas