A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo de solicitude de axudas para as e os galegos do exterior en situación excepcional de emerxencia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria, que busca paliar situacións sobrevidas derivadas de catástrofes naturais ou outras causas que esixan dunha actuación urxente .

O prazo de presentación de solicitudes remata o 2 de decembro, xa que o 30 de novembro é sábado e, por tanto, non laborable.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2019.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega, residentes no exterior, que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, e que precisen dunha actuación urxente. As interesadas e interesados terán ata o luns 2 decembro para solicitalas, xa que o 30 de novembro, último día natural fixado na convocatoria é sábado e, polo tanto, non laborable.

Trátase de axudas con carácter persoal e intransferible, que non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias, e incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos. Ademais, unicamente pode concederse unha axuda por feito causante, e cada solicitante poderá só pedir unha axuda por un único suposto ata un máximo de 3.000 euros. 

Os requisitos para obter unha destas axudas é carecer de rendas, ingresos e patrimonio para facer fronte á situación descrita, e acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude (como máximo nos últimos doce meses) e que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente. Tamén se contempla na orde a posibilidade de sufragar un desprazamento desde un terceiro país, se fose estritamente necesario.

Paliar situacións de marxinación social ou dependencia
Entre as razóns especificadas para solicitar estas axudas está, por exemplo, a de atoparse no exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa solicitante non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio. Ou sufrir situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar, e carecer de medios para paliar esta situación.

Tamén ampara esta convocatoria situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección nacionais dos países nos que reside a persoa beneficiaria, ou as situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa.

Beneficiarios da convocatoria
Igualmente, quedan cubertas por esta convocatoria as situacións sobrevidas derivadas de graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval, e aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Trátase dunha iniciativa da que pode resultar beneficiaria calquera persoa emigrante galega, así como os seus e as súas descendentes en primeiro grao, que posúan a condición de galega ou galego residentes no exterior, de acordo co establecido legalmente para este recoñecemento.

653 lecturas