O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de “Conecta con Galicia”, que este ano contará con 174 prazas para mozas e mozos galegos que residan no exterior de entre 15 e 20 anos

O programa da Secretaría Xeral da Emigración ofrece, en colaboración coa Consellería de Política Social, axudas para que a mocidade galega do exterior participe en actividades de ocio e cultura galega durante 10 días na comunidade. 

Os grupos de beneficiarias e beneficiarios dividiranse en dúas quendas que alternarán varias etapas do Camiño de Santiago con actividades náuticas e de natureza.

As e os interesados contan cun mes de prazo para solicitar unha praza. 

Na imaxe, no albergue xuvenil de Gandarío (A Coruña), mozas e mozos participantes na edición de 2018 do Conecta con Galicia
Na imaxe, no albergue xuvenil de Gandarío (A Coruña), mozas e mozos participantes na edición de 2018 do Conecta con Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2019.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a nova convocatoria do programa Conecta con Galicia, dirixido ás mozas e aos mozos galegos residentes no exterior con idades comprendidas entre os 15 e os 20 anos. O obxectivo desta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración é ofrecer, en colaboración coa Consellería de Política Social, a oportunidade á mocidade galega que reside fóra da comunidade de achegarse á realidade da Galicia actual, así como ás súas familias e mesmo a outras e outros mozos da súa mesma franxa de idade e residentes nela.

O programa ten como finalidade fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra das e dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial. Trátase, en definitiva, de fortalecer eses vínculos como base sólida para un ulterior retorno definitivo destes galegos  e galegas do Exterior á terra da orixe familiar.

Axudas e organización
A convocatoria deste ano, cuxo prazo de solicitudes estará aberto durante un mes, dispón dun total de 174 prazas, que contarán con diferentes graos de axuda económica: desde o 100% dos custos dos billetes e os traslados ás diferentes sedes das actividades ata a ausencia de aportación económica, nos casos nos que non sexa necesaria. En todos eles, a Consellería de Política Social porá á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas, así como os medios de desprazamento das persoas beneficiarias das actividades de aire libre desde os aeroportos de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada.

A Secretaría Xeral da Emigración, pola súa banda, farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, segundo o número de prazas que figuran no anexo I, agás para as persoas participantes procedentes do resto de comunidades autónomas do Estado español. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída.

Actividades de natureza e cultura
‘Conecta con Galicia’ está integrado por actividades de aire libre, das que se beneficiarán 174 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 15 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Estas e estes beneficiarios do programa compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de dez días no mes de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de cinco días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes aloxaranse nas devanditas residencias, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de cinco días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

1955 lecturas