A Secretaría Xeral da Emigración convoca o programa de difusión da cultura galega “Escolas Abertas”

A proposta do Goberno galego permite a alumnas e alumnos de todo o mundo recibir formación especializada en gaita, baile, percusión, canto e confección a través das e dos docentes que participan no programa. 

Un total de oitenta profesoras e profesores de entidades do exterior participarán nesta nova edición do programa.

O programa de Escolas Abertas 2019 desenvolverase en Ourense no mes de xullo
O programa de Escolas Abertas 2019 desenvolverase en Ourense no mes de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2019.

A Secretaría Xeral da Emigración abre hoxe o prazo de solicitudes para participar no programa Escolas Abertas, co que o Goberno galego pretende facilitar o acceso á cultura galega ás galegas e aos galegos de todo o mundo a través de actividades presenciais, tanto de carácter teórico como práctico, dirixidas a docentes das comunidades galegas de fóra da Galicia territorial, para o ano 2019. O prazo de presentación de solicitudes, que será un mes, rematará o 22 de abril. Durante este período, as e os interesados en participar nesta iniciativa do Goberno galego deberán facer chegar a documentación que os acredite como docentes. Esta nova edición do programa conta cun total de oitenta prazas, das que 18 están reservadas para profesoras e profesores que impartan clase nalgún dos centros situados en Europa, e outras 62, para os do resto do mundo. 

Escolas Abertas busca espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e a estadía de profesoras e profesores que imparten clases en diferentes entidades galegas do exterior, que transmitirán a súa experiencia propia á súa vez aos alumnos e alumnas nos seus lugares de orixe ou residencia habitual. As e os alumnos deste programa son, así, á súa vez, formadoras e formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega aos cidadáns e ás cidadás da Galicia do exterior. O obxectivo da iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración é que, a través da instrución e mellora de habilidades das e dos docentes participantes na iniciativa, se acrecente o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

Formación intensiva de 50 horas lectivas
Os cursos que se ofrecerán nesta nova edición do programa esténdense desde os obradoiros de especialización en gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego ata o de formación de persoal directivo. Esta última disciplina reserva, de haber solicitudes dabondo, o 70% das prazas para mulleres. Trátase dunha formación intensiva e de carácter participativo dirixida a docentes cunha duración mínima de 50 horas lectivas que conxugan teoría e práctica, e que se centran nas materias cunha maior demanda entre os centros do exterior. Impartida por profesionais e expertas e expertos con ampla experiencia, terá lugar en Ourense no mes de xullo.

764 lecturas