Feijóo iniciará a vindeira semana unha viaxe institucional a Miami e Nova York cunha marcada axenda económica e comercial e co obxectivo de reforzar os lazos turísticos de cara ao Xacobeo 2021

O presidente da Xunta manterá tamén durante a viaxe, que comezará o martes 5 de febreiro, varios encontros coa colectividade galega para coñecer o seu día a día e agradecer o traballo por preservar e promover a nosa identidade e a nosa cultura.

O responsable autonómico, xunto ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, estará acompañado, entre outros, por unha delegación galega formada por numerosas empresas do contract.

A innovación, o talento e o investimento, serán os temas centrais dos foros e reunións que se celebrarán con empresariado estadounidense.

O titular do Goberno galego, o Clúster de turismo e os portos de A Coruña, Ferrol e Vigo visitarán a terminal de contedores e a terminal de cruceiros do Porto de Miami e celebrarán unha xuntanza coas principais compañías de cruceiros.

Feijóo exporá as oportunidades de Galicia ante as cámaras de comercio de Miami e Nova York.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2019.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, iniciará a vindeira semana unha viaxe institucional a Miami e Nova York, cunha marcada axenda económica e comercial e co obxectivo de reforzar os lazos turísticos de cara ás oportunidades do Xacobeo 2021.

Feijóo, que comezará a visita o martes 5 de febreiro, manterá durante a súa estancia numerosos encontros institucionais, económicos e culturais e, xunto ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, estará acompañado, entre outros, por unha delegación galega formada por numerosas empresas do sector do contract.

A innovación, o talento e o investimento, serán deste xeito os temas centrais dos foros e reunións que se celebrarán con empresariado estadounidense e nos que se incidirá en mostrar Galicia como un lugar atractivo onde investir, co fin de intensificar as relacións comercias. No ámbito económico, ademais, o presidente da Xunta exporá as oportunidades de Galicia ante as cámaras de comercio de Miami e Nova York.

No eido do turismo, achegar o Xacobeo 2021 non só a mercados fidelizados, senón tamén a mercados emerxentes como Estados Unidos, será outro dos piares desta viaxe.

O responsable do Executivo autonómico aproveitará os encontros con empresarios e empresarias e unha visita ao Porto de Miami, para promocionar o que será o mellor Ano Santo da historia de Galicia. Así, xunto ao Clúster de turismo e os portos de A Coruña, Ferrol e Vigo visitará a terminal de contedores e a terminal de cruceiros para, posteriormente, celebrar unha xuntanza coas principais compañías de cruceiros na cidade. O titular do Goberno galego tamén se reunirá co alcalde do condado de Miami-Dade, Carlos A. Giménez.

Este obxectivo completarase coas actividades culturais, entre as que destaca a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Institute of Fine Arts, de Nova York, para a organización do simposio “Imaxinando o Camiño de Santiago: itinerarios, narracións, mapas e visións". Ademais, o presidente da Xunta asistirá en Nova York á presentación da exposición Os Adeuses, organizada polo Consello da Cultura Galega.

Durante a viaxe, que se estenderá ata o sábado 9 de febreiro, o presidente da Xunta terá ocasión de manter varios encontros coa colectividade galega para coñecer o seu día a día e agradecer o traballo por preservar e promover a nosa identidade e a nosa cultura por todo o mundo, entretecéndoa coas identidades, os costumes e as culturas propias doutros lugares.

616 lecturas