Feijóo erixe as comunidades galegas nun exemplo de convivencia e destaca a nova liña de axudas para persoas retornadas con fillas e fillos menores de idade

“E estamos traballando na incorporación dos galegos retornados como beneficiarios do Programa de vivendas baleiras do Instituto Galego de Vivenda e Solo”, avanza.

Precisa que as axudas para persoas retornadas con fillas ou fillos menores, incluídas na Estratexia Retorna 2020, contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros.

Refírese tamén ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, que aumentarán o seu número de prazas nun 50% para fixalas en 150.

Subliña que as Axudas ao retornado emprendedor volveron aumentar a súa demanda ata esgotar os fondos previstos, para apoiar ás e os retornados que desexan poñer en marcha un negocio en Galicia.

Subliña que os galegos e as galegas de Venezuela e Cuba volverán contar neste exercicio cunha partida especialmente reservada para axudar a cubrir as súas necesidades básicas.

Reivindica o traballo das e dos emigrantes e das comunidades que formaron: “Sodes un exemplo de convivencia que hoxe, máis que nunca, é preciso reivindicar”, di.

  • O presidente da Xunta inaugurou esta mañá a Comisión Delegada do XI Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta inaugurou esta mañá a Comisión Delegada do XI Consello de Comunidades Galegas
  • O presidente da Xunta inaugurou esta mañá a Comisión Delegada do XI Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta inaugurou esta mañá a Comisión Delegada do XI Consello de Comunidades Galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 12 de decembro de 2018.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, erixiu hoxe ás comunidades galegas nun exemplo de convivencia e destacou a nova liña de axudas para persoas retornadas con fillas e fillos menores de idade. Unha iniciativa incluída na Estratexia Retorna 2020 e que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros.

Máis polo miúdo, e durante a inauguración da Comisión Delegada do XI Consello de Comunidades Galegas, Feijóo explicou que a Xunta financiará esta nova liña para persoas emigrantes retornadas con fillas e fillos menores de idade: de 1.000 euros por nena ou neno, ata o segundo fillo ou filla; e de 1.500 euros a partir da ou do terceiro, cun incremento dun 25% se a residencia familiar está fixada no rural.

Así mesmo, referiuse tamén ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, que aumentarán o seu número de prazas nun 50% para fixalas en 150, cun orzamento en 2019 de máis de 1,1 millón de euros. Ás Axudas ao retornado emprendedor, que este ano volveron aumentar a súa demanda ata esgotar os fondos previstos -200.000 euros-, para apoiar as e os retornados que desexan poñer en marcha un negocio en Galicia; e á Oficina integral de asesoramento e seguridade ao retornado, que disporá dunha achega de 130.000 euros para o seu primeiro ano de funcionamento, co obxectivo de ofrecer apoio continuo –presencial e virtual-, así como facilitar ferramentas que as e os axuden a integrarse persoal e profesionalmente na Galicia territorial.

“E estamos traballando na incorporación dos galegos retornados como beneficiarios do Programa de vivendas baleiras do Instituto Galego de Vivenda e Solo”, avanzou, ao que engadiu que a finalidade é que os retornados e retornadas poidan dispoñer de vivendas en condicións vantaxosas en réxime de alugueiro nos concellos rurais.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu no obxectivo da Xunta de que todos aqueles e aquelas que desexen volver a Galicia poidan facelo. E recordou que a Comunidade duplicou o pasado ano o seu saldo migratorio, pasando de pouco máis de 3.000 persoas en 2016 a case 6.700 en 2017; “e máis da metade dos galegos que regresaron o pasado ano son menores de 45 anos”.

Nesta mesma liña, engadiu que a Estratexia Retorna 2020 pretende incrementar nun 50% o número de retornadas e retornados nos próximos anos ata alcanzar os 20.000, dos que preto de 12.000 (o 60%) serán menores de 45 anos. Todo iso, contando con medidas específicas, cun investimento de 15 millóns de euros; e transversais (220 millóns).

Venezuela e Cuba volverán contar cunha partida para necesidades básicas
Por outra banda, o responsable autonómico lembrou tamén que a Estratexia Emigración 2020 conta cun orzamento que supera os 26 millóns de euros, para desenvolver máis dun centenar de medidas, entre as que destacan as axudas económicas individuais dirixidas a cidadás e cidadáns galegos maiores de 65 anos sen recursos.

Sobre esta iniciativa, subliñou que os galegos e galegas de Venezuela e Cuba volverán contar neste exercicio cunha partida especialmente reservada para axudar a cubrir as súas necesidades básicas. Así, e a modo de exemplo, precisou que o presuposto destinado en 2018 a tal fin para as e os residentes en Venezuela e con independencia da idade, pasou de 1,8 millóns en 2017 a case 2,3 millóns en 2018.

Nunha época na que algúns están dispostos a sacrificar o marco de convivencia que nos demos hai 40 anos, o titular da Xunta reivindicou o traballo das e dos emigrantes e das comunidades que formaron: “Sodes un exemplo de convivencia que hoxe, máis que nunca, é preciso reivindicar”, dixo, incidindo en que a galeguidade que contribuíron a espallar e consolidar, radica en irmandar en lugar de separar, en tender pontes en lugar de levantar muros e en comprender que as identidades non son antagónicas, senón complementarias.

1083 lecturas