Concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra con motivo da exposición 'Castelao Maxistral'

Listen to this page using ReadSpeaker
469 lecturas

O sábado 1 de decembro ás 18:30 h, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, dentro das actividades arredor da exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra ofrecerá un concerto.

  • O egrexio rianxeiro foi cantor, fundador, escenógrafo e presidente da coral pontevedresa, e con tal motivo, agora que o Museo Centro Gaiás exhibe por vez primeira en Galicia a icónica obra A derradeira leición do mestre —dentro da exposición 'Castelao maxistral'— a Cidade da Cultura considera máis que axeitado ofrecer este recital gratuíto da formación, no que ademais poderase apreciar un dos nove panos deseñados polo propio Castelao para a Sociedade Polifónica Coral de Pontevedra. Para as súas actuacións, Alfonso R. Castelao  preparou un soberbio conxunto de panos. Para este recital, empregarase o que representa o Rei David, o monarca músico adoptado como emblema pola Coral. O pano de San David foi un dos empregados no primeiro concerto ofrecido con carácter autónomo pola Sociedad Coral Polifónica, celebrado no Teatro Principal de Pontevedra o 23 de marzo de 1926 co director Antonio Blanco Porto. O pano foi restaurado en dúas ocasións, a última no ano 2000. 

  • A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra actuou por primeira vez en público o día 9 de abril de 1925 na igrexa conventual de San Francisco de Pontevedra. Nacía coa intención de reivindicar a brillante tradición musical de Galicia, a mans dun grupo de relevantes personalidades, entre elas Antón Losada Diéguez, Alfonso R. Castelao, Alexandre Bóveda, Antonio Blanco Porto ou Antonio Iglesias Vilarelle.

  • Desde aquel momento ata o día de hoxe, a coral suma preto dun milleiro de concertos, moitos deles fóra das nosas fronteiras. O seu repertorio céntrase en música medieval, polifonía dos séculos XVI e XVII, maiormente sacra e madrigais, e música popular harmonizada, sobre todo galega.

  • Ao longo destes máis de 90 anos, a coral foi dirixida por numerosos profesionais: Antonio Blanco Porto, Antonio Iglesias Vilarelle, Manuel Fernández Cayeiro, Agustín Bertomeu Salazar, José Antonio Sánchez Rodríguez, José Verea Montero, Marlene Armentero Cutiño, e na actualidade, Nanette Sánchez Ordaz desde o ano 2013. Entre outros galardóns, recibiu a Primeira Medalla de Prata da Cidade de Pontevedra e o Premio Cidade de Pontevedra 2000.

Entradas: De balde. Convites dispoñibles no Museo Centro Gaiás (aberto de martes a domingo, de 10:00 a 20:00 h).

Máis info: www.cidadedacultura.gal | Facebook | Twitter | Instagram

Concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra con motivo da exposición 'Castelao Maxistral'
Evento: 
Concerto
Organiza: 
Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Data: 
01.12.2018
Hora: 
18:30
Lugar:
Cidade da Cultura de Galicia - Museo Centro Gaiás
Monte Gaiás, s/n
Santiago de Compostela - 15707A Coruña
España