Adolfo Domínguez e a representante da ONU Isabel Pérez falarán no Centro Galego de Barcelona

A entidade presidida por Carlos Mandianes desenvolverá este mes unha completa axenda de actividades destinadas tanto á promoción de Galicia como á difusión de temas de interese social e á integración coa cultura de Cataluña.

A compostelá Isabel Pérez Dobarro pronunciará unha conferencia sobre Desenvolvemento Sustentable
A compostelá Isabel Pérez Dobarro pronunciará unha conferencia sobre Desenvolvemento Sustentable
Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 8 de novembro de 2018.

O deseñador Adolfo Domínguez, coa presentación do seu libro Juan Griego, e a pianista e representante da organización SDSN-Youth da ONU Isabel Pérez Dobarro falarán no Centro Galego de Barcelona, dentro dos actos previstos para novembro.

A entidade presidida por Carlos Mandianes desenvolverá este mes unha completa axenda de actividades, que incluirán tamén actuacións musicais e festas tradicionais no propio centro, combinadas con visitas e excursións a distintos lugares da xeografía catalá. Coincidindo coa filosofía da directiva do Centro Galego de Barcelona, o programa ten como obxectivo tanto a promoción dos valores culturais e tradicionais de Galicia como a difusión de temas de interese social e a integración coa cultura de Cataluña.

Adolfo Domínguez presentará a súa primeira novela o día 29 deste mes, ás 19 horas. Ambientada na Arxentina da ditadura militar e da guerra das Malvinas, Juan Griego é unha aventura épica na que o seu protagonista, un tenente aventureiro, transita por un mundo cruel e perigoso. Previamente, o día 23, á mesma hora, a santiaguesa Isabel Pérez Dobarro ofrecerá unha conferencia sobre “ONU, Axenda 2030 e obxectivos de desenvolvemento sustentable”, desde a súa perspectiva como representante da United Nations Sustainable Development Solutions Network Youth, organización da ONU na que exerce de mánager da iniciativa Arts Twenty Thirty.

Visitas e actuacións
O programa de novembro do Centro complétase coa celebración, este próximo sábado, do tradicional magosto; unha excursión á localidade de Roses, na Costa Brava, o domingo, 11; unha visita á exposición Velázquez y el Siglo de Oro no Museo Caixa Fórum, o día 23; e con dúas actuacións, os sábados 17 e 24, do Coro Lonxe da Terra, a primeira delas conxuntamente coa Coral O Raïm de Sant Cugat de Sesgarrigues.

 

Fonte e foto: Centro Galego de Barcelona

645 lecturas