Miranda desprázase ata o interior da Arxentina para visitar aos galegos e galegas de Rosario e de Santa Fe
O secretario xeral da Emigración salientou a importancia que a intensa actividade que realizan as entidades que están afastadas das grandes urbes ten na difusión da cultura galega fóra da comunidade.
O responsable autonómico aproveitou a súa presenza na provincia de Santa Fe para manter un encontro cos e coas representantes do novo centro galego en Rafaela.
- O secretario xeral da Emigración, durante a súa visita ao Centro Gallego de Rosario, entidade fundada en 1915
- O secretario xeral da Emigración, durante a súa visita ao Centro Gallego de Rosario, entidade fundada en 1915
- Miranda, con membros da directiva e subcomisións do Centro Gallego de Santa Fe, que celebrará en 2019 o seu centenario
- Miranda, cos e coas representantes do novo centro galego da tamén santafesina localidade de Santa Fe, en vías de constitución
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse ao interior da Arxentina para visitar dous dos centros máis activos a nivel cultural fóra do ámbito xeográfico da capital, Bos Aires. A importancia que a intensa actividade destas entidades teñen para a difusión da cultura e a tradición galegas levou ao titular do departamento do Goberno galego a viaxar ata dúas das localidades con maior tradición musical, entre outras, da rexión central do país arxentino.
O responsable autonómico viaxou ata o Centro Gallego de Rosario, a cuxas e cuxos representantes fixo entrega de instrumentos musicais que lles permitan continuar coa actividade que levan a cabo a través das diferentes agrupacións que acubillan. A gaita, os pandeiros e as pandeiretas coas que se dotou á entidade garantirán a continuidade do grupo de canto e percusión Alumea, o de gaita tradicional galega Leira do Son, que está a celebrar dúas décadas de vida, e os de baile tradicional galego, así como a do coro.
Miranda agradeceu tanto ao presidente do Centro Gallego de Rosario, Guillermo Picallo Durán, como ao resto da directiva, o importante labor de promoción e conservación da cultura galega que están a levar a cabo a través destas formacións musicais e doutras actividades de variada temática. Na actualidade, a principal entidade galega desta cidade arxentina conta con 290 persoas asociadas, dos que 167 son galegas. Do total 150 son homes, e 140, mulleres.
Xuntanza cos galegos e as galegas da capital da provincia
Previamente, o secretario xeral da Emigración, acompañado polo delegado do Goberno na Arxentina, Alejandro López Dobarro, viaxaron ata a capital da Provincia de Santa Fe para manter unha xuntanza cos socios e socias e os e as representantes da entidade que dirixe Manuel López. Miranda quixo achegarse deste xeito ás e aos galegos residentes no país andino que se atopan fóra do ámbito xeográfico urbano do gran Bos Aires.
O obxectivo do centro Gallego de Santa Fe, que cumpre 63 anos de vida, é servir de vínculo especialmente entre cidadás e cidadáns galegos e arxentinos, como demostra a súa amplitude de tecido asociativo da entidade, constituído por 210 persoas, das que 160 son galegas e o resto, do país andino. A entidade comezará, ademais, en outubro a organización dos actos do seu centenario, que terá lugar o ano vindeiro.
Tamén inmersas e inmersos nunha intensa actividade organizativa están as e os representantes do novo centro galego de Rafaela, cidade situada a poucos quilómetros da capital da provincia. Con elas e eles celebrou o responsable autonómico unha xuntanza aproveitando a súa estancia en Santa Fe para animalos na súa empresa e ofrecerlles o asesoramento necesario para levala a cabo.
Novas relacionadas