Miranda reforza o seu compromiso cos galegos e as galegas de Venezuela na súa segunda viaxe do ano ao país suramericano

O secretario xeral da Emigración manterá diversas reunións con representantes do Goberno español na república americana.

O responsable autonómico aproveitará a súa visita para ofrecer, xunto ao director xeral de Migraciones, Ildefonso de la Campa, unha xornada informativa sobre retorno.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe a súa segunda viaxe do ano a Venezuela co foco posto na situación que están a atravesar as galegas e os galegos que residen no país suramericano. Durante a súa estancia, na que coincidirá co director xeral de Migraciones do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, Ildefonso de la Campa Montenegro, manterá diversos encontros con autoridades do Goberno de España na república americana.

O responsable autonómico tamén fará un seguimento dos programas que está a desenvolver a Secretaría Xeral da Emigración no país a través das oficinas de información e atención existentes nos catro principais lugares de concentración de cidadás e cidadáns galegos, nos que hai, ademais, centros galegos. Miranda prestará especial atención tanto aos programas de axudas económicas individuais, cuxo prazo de solicitudes continúa aberto no caso de Venezuela, como no de distribución de medicamentos.  

O secretario xeral da Emigración asistirá, así mesmo, á reunión do consello de administración da Fundación España Salud e aproveitará a súa visita á capital caraqueña para impartir, xunto a De la Campa, unha xornada informativa sobre as diferentes medidas e axudas que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España teñen deseñado para facilitar o retorno ás e aos galegos residentes no exterior.

Máis de 3.700 galegas e galegos menos 
O Goberno galego ratifica así o seu compromiso cos galegos e galegas de Venezuela, que se elevan a 40.226, dos que 25.309 (un 63 %) naceron xa na diáspora, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto nacional de Estadística (INE), a 1 de xaneiro de 2018. Os esforzos que a Secretaría Xeral da Emigración está a volcar nas cidadás e os cidadáns galegos de Venezuela tamén se plasma en cifras: o departamento autonómico investiu só en 2017 máis de 1,8 millóns de euros en axudas e subvencións ás e aos galegos de Venezuela entre os programas que se levan a cabo no propio país suramericano e os que se desenvolven en Galicia. En 2018 esta contía incrementouse nun 22 %, é dicir, 400.000 euros, ata alcanzar os 2,2 millóns de euros. 

En total, en 2017 2.500 cidadáns e cidadás galegas de Venezuela recibiron algún tipo de prestación social da Secretaría Xeral da Emigración. E, só no que respecta ás diferentes medidas dirixidas para facilitar o retorno das persoas galegas residentes no exterior, o 80% das beneficiarias das axudas asistenciais a retornados e retornadas en 2017 foron galegas e galegas que viven no país suramericano. 

1106 lecturas