Miranda sinala o sur da provincia de Pontevedra como unha das rexións chave para asegurar o éxito da Estratexia Retorna 2020

O secretario xeral da Emigración visitou o negocio dun dos once retornados e retornadas que se acolleron ás Axudas ao Retornado Emprendedor.

Só no 2016 regresaron aos concellos das comarcas de Vigo, Paradanta, O Baixo Miño e O Condado 835 galegas e galegos procedentes do estranxeiro.

  • O secretario xeral da Emigración visitou en Vigo un dos proxectos postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor de Emigración
    O secretario xeral da Emigración visitou en Vigo un dos proxectos postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor de Emigración
  • O secretario xeral da Emigración visitou en Vigo un dos proxectos postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor de Emigración
    O secretario xeral da Emigración visitou en Vigo un dos proxectos postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor de Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, sinalou onte o papel chave que o sur da provincia de Vigo ten para a Estratexia Retorna 2020, que vén de ser aprobada polo Consello da Xunta a semana pasada. O documento, que consta de máis de medio cento de medidas respaldadas por todos os departamentos do Goberno galego, está chamada a ter unha incidencia especial nas comarcas de Vigo, Paradanta, O Baixo Miño e O Condado, ás que só en 2016 regresaron 835 persoas.

É decir, só o sur da provincia de Pontevedra aportou máis do 16% do total de galegas e galegos que regresaron a Galicia, que alcanzaron os 5.125, a cifra máis alta dos últimos anos. Só á comarca de Vigo regresaron e 643 galegas e galegos, o 12,5% do total. Trátase dunha cifra significativa para o obxectivo que se marcou a Xunta de Galicia para os vindeiros tres anos, que aspira a facilitar o regreso á comunidade a 20.000 cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior.

O responsable autonómico ofreceu estes datos durante a visita que realizou ao negocio lanzado polo beneficiario dunha das medidas que xa están activas, as Axudas ao Retornado Emprendedor, do que se beneficiaron desde a súa posta en marcha 87 proxectos. Esteban González regresou de Estados Unidos para poñer en marcha un negocio de venda de motos eléctricas na cidade olívica, que conta na actualidade con 24.760 viguesas e vigueses residindo no estranxeiro. Trala capital comarcal, os concellos da zona con máis tradición emigrante son Redondela, O Porriño e Gondomar. Entre os tres suman máis de 8.900 persoas inscritas residindo no estranxeiro.

Completo, realista e transversal
“A Estratexia Retorna 2020 é un documento completo, realista e de carácter transversal que implica a todos os departamentos da Xunta no reto demográfico e na responsabilidade de traballar en facilitar a volta á súa terra a todos os galegos do exterior, tanto dos emigrantes coma dos seus descendentes. Por iso, a aposta debe ser forte. É imprescindible darlles razóns dabondo para que elixan Galicia como lugar para establecerse definitivamente e formar unha familia. Aproveitar ese know-how, esa experiencia e ese valor engadido xeracional require dun esforzo visible e real por parte da Administración galega”, sinalou o secretario xeral da Emigración.

Once novos proxectos emprendedores
Na actualidade hai 150.674 persoas galegas inscritas nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra residindo no exterior, das que só 44.752, o 29,7% naceron en Galicia. O 70,3% son fillas, netas e mesmo bisnetas nadas xa no seu país de destino. Do total de pontevedreses e pontevedresas que viven no estranxeiro, 110.253, o 73,17% teñen menos de 65 anos. Os países onde hai maior volumen de poboación da provincia de Pontevedra son a Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela, Suíza, Alemaña e Francia, por esta orde.

De aí que unha parte importante das axudas que o Goberno galego destina a fomentar o regreso das e dos galegos do exterior beneficie a residentes no sur da provincia. Por citar dúas das liñas con máis peso da Secretaría Xeral da Emigración, esta rexión de Galicia viu nacer once novos proxectos emprendedores desde 2013 grazas ás Axudas ao Retornado Emprendedor, dos que 8 están na capital olívica. Tamén se beneficiou a cidade das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que ofreceu a 35 galegas e galegos residentes no exterior cursar un dos mestrados que ofrece a Universidade de Vigo na súa primeira convocatoria, que aínda está en marcha.

Apoio á investigación
Estes son algúns dos exemplos dos destinatarios dos 22 programas especialmente deseñados para as e os retornados incluídos na Estratexia Retorna 2020: as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) e as bolsas para cursar o ciclo superior de Formación Profesional, e as 44 transversais con incentivos específicos. Tamén á poboación menor de 65 anos van dirixidas parte das medidas da área de I+D+i. Así, inclúese tamén como colectivo prioritario as galegas e galegos retornados nos programas de investigación, desenvolvemento e innovación postos en marcha polo Goberno galego coa finalidade de promover o retorno de investigadores e investigadoras á Galicia territorial, fomentando a súa incorporación aos distintos centros de coñecemento e institucións que traballen neste eido.

O programa Oportunius, dirixido á captación e retorno de investigadoras e investigadores de ata 35 anos; o Principia, que busca fomentar a incorporación de persoal técnico e investigador novo nas nosas empresas e centros de coñecemento; o Talento Sénior, orientado a fomentar a captación internacional ou a retención de investigadoras e investigadores excelentes ou especialmente cualificados; e a potenciación da Rede Galega de Aceleradoras da Innovación para, entre outros fins, captar proxectos desenvolvidos por investigadoras e investigadores e emprendedores e emprendedoras no estranxeiro, son algúns deles.

1032 lecturas