Máis de 150 entidades galegas do exterior solicitaron axudas para intensificar a súa actividade asociativa e cultural e para a mellora das súas instalacións

A Secretaría Xeral da Emigración recibiu en total máis de 380 peticións para as cinco liñas de subvencións que destina a apoiar ás comunidades que se atopan fóra da Galicia territorial.

O Goberno galego conta este ano con preto de 1,6 millóns de euros para este programa de apoio a entidades.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2018.

A falta de recibir a documentación enviada por correo postal desde algúns puntos de América, o número total de solicitudes de axuda presentadas por entidades galegas que se atopan fóra da comunidade autónoma supera a día de hoxe as 150. Así o anunciou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que salientou o papel chave que estas liñas de subvencións teñen para o fomento da cultura e a actividade asociativa dos galegos e as galegas no resto de España e do mundo. “A unión dos galegos do exterior é froito, en moitos casos, dunha oferta variada e continuada no tempo que moitas das comunidades galegas deseñan para manter vivos os lazos coa súa terra de orixe, Galicia”, sinalou o responsable autonómico.

España, Arxentina, Brasil, Alemaña, Uruguai e Suíza son os países dos que proceden a meirande parte das solicitudes, dirixida a todos os centros galegos do exterior que estean inscritos no Rexistro da Galeguidade da Xunta de Galicia.

Máis de 1,6 millóns de euros
O compromiso do Goberno galego coa diáspora volverá reflectirse cun investimento que este ano superará os 1,6 millóns de euros entre as cinco liñas que engloba o programa de axuda a entidades. Os gastos de funcionamento, as actividades culturais, os eventos de especial relevancia, a realización de obras nas instalacións e a dotación de equipamentos reuniron un total de máis de 380 solicitudes de subvencións para fins concretos.

O Goberno galego consolida, así, a súa aposta pola conservación da cultura, as tradicións e a atención ás galegas e aos galegos que residen no exterior coa dotación de máis dun millón de euros á convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins formativos, culturais, sociais, de xuventude e informativos das comunidades galegas. Tamén se consolidou neste exercicio de 2018 a dotación orzamentaria para axudas á conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, así como para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, que este ano volven alcanzar os 575.000 euros.

919 lecturas