A Secretaría Xeral da Emigración incrementa nun 20% as axudas individuais para galegas e galegos do exterior en situación de precariedade, aos que destina 2,6 millóns de euros

Trátase dun pago anual único que pretende contribuír a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria das familias con menos recursos. 

O prazo de presentación de solicitudes para este programa, que destina 900.000 euros á especial situación das galegas e os galegos de Venezuela, rematará o 14 de maio.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria das axudas económicas individuais a residentes no Exterior para o ano 2018 que concede anualmente a Secretaría Xeral da Emigración e que este ano incrementan unha suba do 20 %, pasando dos 2,1 millóns destinados a este fin en 2017 aos 2,6 deste ano. O obxectivo desta medida é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de milleiros de familias galegas do Exterior que se encontran nunha situación económica precaria.

O prazo para realizar a correspondente solicitude remata o 14 de maio. Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda dedica cada ano unha parte importante do seu orzamento, e que neste exercicio presta especial atención á complexa situación que atravesa Venezuela e os galegos e galegas que residen no país, a quen o Goberno galego destina 900.000 euros. A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Diferentes liñas para distintos obxectivos 
O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

A convocatoria abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas, por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

1170 lecturas