Miranda recoñece o labor que as entidades benéficas do exterior fan polos galegos e as galegas residentes no estranxeiro

O secretario xeral da Emigración repasou coa presidenta da Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada, Regina Jallas, a situación das instalacións, que acollen galegas e galegos sen recursos.

A entidade social posúe un dos complexos de atención de maiores mellor dotados de Rio de Xaneiro.

Jallas e Miranda, durante o encontro no despacho do secretario xeral da Emigración
Jallas e Miranda, durante o encontro no despacho do secretario xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recoñeceu unha vez máis o traballo imprescindible que as entidades benéficas do exterior levan a cabo na prestación de servizos das e dos galegos residentes no estranxeiro. Así llo expresou persoalmente á presidenta dunha das sociedades que mellor representa este fundamental labor social, a Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada, Regina Jallas, durante o encontro que mantiveron en Santiago.

O responsable autonómico agradeceu a asistencia que centros coma o situado en Rio de Xaneiro, un dos mellor dotados e máis completos da cidade brasileira, presta ás cidadás e aos cidadáns galegos sen recursos que residen no país suramericano. Integrado por 355 persoas asociadas, das que 195 son galegas, a asociación presta especial importancia ao seu eido asistencial. A súa residencia de maiores conta na actualidade con 191 usuarias e usuarios.

Danza e cultura galega
Malia ser un dos seus eixos prioritarios, o asistencial non é o único ao que dedica os seus recursos esta entidade. A Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada tamén presta servizos ás e aos seus socios no ámbito cultural, como os da biblioteca que alberga a súa sede (que conta con arredor de 300 persoas usuarias), a escola de danza (con medio cento de alumnas e alumnos), e a publicación que edita con periodicidade bianual e unha tirada dun milleiro de exemplares.

1322 lecturas