Miranda celebra o Nadal cos galegos e galegas residentes na Comunidade de Madrid

O secretario xeral da Emigración foi o encargado de introducir o himno galego, que está a piques de cumprir 110 anos da súa estrea en La Habana, durante o acto. 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e, ao seu carón, a presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e, ao seu carón, a presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á celebración do Nadal Galego de Madrid, que alcanzou a súa sexta edición grazas á dedicación dos organizadores, o Club de Xornalistas Galegos en Madrid, que preside Pilar Falcón, en colaboración coas entidades e asociacións de galegas e galegos na capital, tanto sectoriais como centros galegos, integrados en FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid), e a propia Secretaría Xeral da Emigración.

O evento reúne cada decembro na capital española membros das distintas entidades e comunidades galegas con presenza na Comunidad de Madrid. E en todas as ocasións desde 2011 quince organizacións que garanten a presenza de Galicia en ámbitos dispares no terreo profesional (o xornalístico, o empresarial, o xurídico ou o médico, entroutros) e tamén xeográfico (con sedes na capital, Alcorcón, Móstoles, Alcobendas, Fuenlabrada, Alcalá de Henares, Colmenar, Collado-Villalba, San Sebastián de los Reyes ou Tres Cantos) danse cita no lugar da convocatoria, que este ano tivo lugar no Teatro La Latina.

Aniversario do himno galego
O peso acadado durante décadas polos galegos e galegas residentes en Madrid, non só dentro da propia cidade senón en todo o territorio español, foi un dos aspectos aos que se referiu Rodríguez Miranda durante a súa intervención, previa á reprodución do himno galego. E ao son composto por Eduardo Pondal e Pascual Veiga dedicoulle o resto das súas verbas. “Quedan apenas unhas horas para que o noso himno cumpra 110 anos da súa estrea no Gran Teatro. Foi en La Habana, en Cuba. Igual que aquí, igual ca vós, algo lonxe da súa terra, pero cargado deste espírito galego que aínda nos emociona cada vez que escoitamos estas notas que están a piques de empezar a soar”, sinalou.

O acto comezou cun desfile desde a praza da Paja á praza dos Carros que foi amenizado polas bandas Lume de Biqueira e Son do Ar (do Centro Gallego del Noroeste Madrid), e continuou cunha velada que contou coas actuacións da Coral de Vagalume (da Asociación Galega Corredor do Henares), o músico e compositor Xabier Díaz e a Banda de Gaitas Lume de Biqueira.

Case 78.000 galegas e galegos en Madrid
Na comunidade autónoma madrileña residen, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro deste ano, 77.989 galegos e galegas de nacemento arestora censados, aínda que este número é estimativo: moitas e moitos dos residentes alí, por diversas razóns, seguen censados nos seus concellos de orixe, e esta cifra tampouco contabiliza as segundas e terceiras xeracións de galegas e galegos xa nados alí. 

1051 lecturas