Galegas e galegos residentes en 22 países distintos interesáronse pola primeira convocatoria das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’

Publicouse hoxe a listaxe provisional de solicitudes admitidas, abríndose o prazo para que completen a documentación aquelas peticións que non o teñan feito segundo as esixencias da convocatoria.

Venezuela e Brasil en América, e Reino Unido e Alemaña en Europa, son os países nos que residen o maior número de peticionarias e peticionarios.

As e os primeiros beneficiarios iniciarían os seus estudos nalgunha das tres universidades galegas este mes de setembro.

Venezuela e Brasil en América, e Reino Unido e Alemaña en Europa, son os países dos que proveñen o maior número de solicitudes
Venezuela e Brasil en América, e Reino Unido e Alemaña en Europa, son os países dos que proveñen o maior número de solicitudes
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017.

A Secretaría Xeral da Emigración publicou este luns a listaxe provisional de solicitudes admitidas para a primeira convocatoria das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, novo programa posto en marcha polo departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda. Con el, o Goberno galego posibilitará que cen tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, poidan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

As solicitudes rexistradas e que non teñan completada toda a información segundo as esixencias da convocatoria, dispoñen desde hoxe do prazo legal previsto para poderen completar o seu expediente.

Do número total de solicitudes recibidas (184), o 80’43 por cento do total (148) procede de América, e o restante 19’57 por cento (36) de Europa. Os países americanos nos que reside o maior número de solicitantes son Venezuela (46) e Brasil (40), pero recibíronse tamén peticións desde Arxentina, Uruguai, México, Costa Rica, Cuba, Perú, Chile, Panamá, Ecuador, Bolivia, Estados Unidos, e mesmo Haití. Desde Europa, o maior número chegou desde Reino Unido (21) e Alemaña (9), pero houbo tamén expedientes chegados de Francia, Italia, Suíza, e mesmo Polonia e Chipre.

Cómpre salientar igualmente que, do total de solicitudes, o 80 por cento corresponde a cidadás e cidadáns galegos nados xa na diáspora: esa cifra correspóndese coa porcentaxe xeral de galegos e galegas residentes no Exterior e que naceron no estranxeiro.

Atraer poboación
As ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ serán xestionadas por Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para atraer cada ano a galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

2219 lecturas