Macri e Feijóo avogan por aproveitar a nova etapa de modernización iniciada por Arxentina para fortalecer a relación de cooperación con Galicia

O presidente da Xunta mantivo hoxe en Madrid unha audiencia co presidente de Arxentina, que estes días realiza a súa primeira visita de Estado a España.

O titular do Goberno galego expón a disposición da Comunidade para axudar ao país nesta andaina e incide nas posibilidades que se abren para o empresariado galego e para o empresariado arxentino que queira entrar en Europa a través de Galicia.

Ambos os dous mandatarios valoran as oportunidades de comercio e investimentos en sectores prioritarios para o país como a agroindustria, a biotecnoloxía ou as enerxías renovables.

Con este encontro, Feijóo e Macri dan continuidade á xuntanza mantida o pasado mes de abril.

O presidente da Xunta mantivo hoxe en Madrid unha audiencia co presidente de Arxentina, que estes días realiza a súa primeira visita de Estado a España
O presidente da Xunta mantivo hoxe en Madrid unha audiencia co presidente de Arxentina, que estes días realiza a súa primeira visita de Estado a España
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 25 de febreiro de 2017.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Arxentina, Mauricio Macri, avogaron hoxe por aproveitar a nova etapa de modernización iniciada no país para fortalecer as relacións entre Arxentina e Galicia.

Durante unha audiencia mantida esta mañá co presidente arxentino, que estes días realiza a súa primeira visita de Estado a España, ambos os dous mandatarios avaliaron a nova folla de ruta iniciada polo país, centrada na modernización, na economía produtiva e no impulso dos investimentos, dentro dun marco que favoreza a seguridade e a estabilidade.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico expuxo a disposición de Galicia para axudar ao país nesta andaina, e incidiu nas posibilidades económicas que se abren para o empresariado galego e tamén para o empresariado arxentino que queira entrar en Europa a través de Galicia.

Feijóo e Mauricio Macri recordaron que a economía arxentina está baseada principalmente nos servizos e valoraron as oportunidades de comercio e investimentos en sectores prioritarios para o país como a agroindustria, a biotecnoloxía, as enerxías renovables ou o ámbito das prestacións sociais e sanitarias.

Cómpre salientar que en 2016 Arxentina ocupou o posto 26 no ranking de exportacións galegas, aumentando significativamente o número de empresas galegas exportadoras, que pasou de 173 en 2015 a 214 en 2016.

No encontro, o titular da Xunta tamén tivo a oportunidade de abordar con Macri a situación pola que atravesa o Centro Galego de Buenos Aires e a súa viabilidade, especialmente, no eido hospitalario. Tras subliñar que a Xunta está ao corrente no pagamento da débeda que atopou, agradeceu a Macri que o Goberno arxentino se faga cargo deste hospital. Na mesma liña, Feijóo expresou o interese de Galicia por preservar o uso social e cultural do centro, así como o seu valor patrimonial, e agradeceu a sensibilidade do presidente arxentino neste sentido.

O presidente da Xunta quixo destacar novamente os lazos que unen a Galicia e Arxentina a través da emigración, posto que actualmente —precisou— son máis de 170.000 as e os galegos que residen naquel país, que é o que acolle o maior número de emigrantes galegos e galegas.

Con este encontro, Alberto Núñez Feijóo e Mauricio Macri deron continuidade á xuntanza mantida o pasado mes de abril, durante a visita institucional do presidente da Xunta a Arxentina. Unha viaxe que destacou pola cálida acollida do país e que, cun marcado contido cultural e económico, serviu para reeditar os estreitos lazos de amizade e identidade que unen a ambos territorios.

1459 lecturas