Miranda analiza con Carrete a actualidade da diáspora galega en Cataluña
Case 73.000 persoas nadas en Galicia residen arestora en Cataluña, 62.000 das cales viven na provincia de Barcelona.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao presidente da Asociación Centro Galego e Casas de Galicia de Barcelona e Provincia, Manoel Carrete Rivera, con quen departiu sobre a actualidade desta entidade e en xeral da diáspora galega en Cataluña. A Carrete acompañouno na audiencia o tamén membro da directiva do Centro Galego de Barcelona, Carlos Mandianes.
Miranda, Carrete e Mandianes departiron sobre as posibilidades de optimizar a colaboración entre a Xunta e unha das entidades máis senlleiras da colectividade galega, e neste aspecto o secretario xeral da Emigración renovou o compromiso do seu departamento no apoio á Asociación, á que pertencen preto de 3.000 socias e socios.
A entidade que preside Carrete é froito da unión doutras máis pequenas, o que nalgúns casos garantiu a continuidade das súas actividades e a permanencia de cara ao futuro, e noutros a ampliación da súa carteira de servizos ás e aos galegos asociados, moitos dos cales son galegas e galegas de segundas xeracións, nados xa na diáspora.
Na actualidade, e segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, no territorio da Comunidade Autónoma de Cataluña residen 72.808 persoas nadas en Galicia, das cales 62.130 fano concretamente na provincia de Barcelona (o 85’33 % do total). Esta cifra non abrangue galegas e galegos de segundas xeracións, polo que o número total real de cidadás e cidadáns residentes en Cataluña con sentimento de Galeguidade podería multiplícarse.
Novas relacionadas