O histórico Palacio do Centro Galego da Habana acollerá o XI plenario do Consello de Comunidades Galegas

Trala sétima edición en Bos Aires e a novena en Montevideo, a Comisión Delegada do propio Consello propuxo unanimemente a capital cubana como sede do undécimo encontro, pola relevancia do país na diáspora galega.

O presidente da Xunta e máximas autoridades da illa inaugurarán o evento no actual Gran Teatro Alicia Alonso, que da acubillo tamén na actualidade á Federación de Sociedades Galegas de Cuba e á Agrupación de Sociedades de Municipios e Provincias de Galicia.

Os presidentes e presidentas das comunidades galegas con presenza en todo o mundo debaterán diversos aspectos de actualidade da diáspora en catro eixos fundamentais: tecnolóxico, social, cultural, e de renovación da Galeguidade de cara ás xeracións xa nadas no Exterior.

  • Imaxe do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas
    Imaxe do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas
  • Imaxe do X Plenario do Consello de Comunidades Galegas, celebrado en Santiago de Compostela os días 28 e 29 de xuño de 2012
    Imaxe do X Plenario do Consello de Comunidades Galegas, celebrado en Santiago de Compostela os días 28 e 29 de xuño de 2012
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2016.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e máximas autoridades da República de Cuba, presidirán o undécimo plenario do Consello de Comunidades Galegas, órgano de representación das galegas e os galegos espallados por todo o mundo, e máxima voz autorizada da diáspora, que se reúne cada tres anos.

A última edición deste gran encontro tivo lugar en Compostela, e as dúas citas máis recentes no Exterior foron as capitais de Arxentina e Uruguai, polo que a Comisión Delegada do propio Consello (órgano de natureza permanente de representación das e dos galegos residentes fóra do territorio), elevou á Xunta a proposta unánime de realizalo na capital de Cuba.

Así, para esta cita, que terá lugar os días 27 e 28 de maio, “escolleuse A Habana, primeiro, porque así o propuxo, de xeito unánime, a propia representación dos galegos do Exterior. Galicia e Cuba sempre mantiveron ao longo da súa historia unha profunda, estreita e permanente relación, unha relación de auténtica irmandade, por riba das distancias xeográficas ou ideolóxicas. Coa nosa presenza na Habana neste momento de actualización do seu modelo económico, Galicia tamén quere estar ao lado do pobo cubano, novamente para axudar”, segundo resalta o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Galicia, sempre con Cuba
A Habana marcou varios coñecidos fitos na historia de Galicia. Alí estreouse o himno galego, e a bandeira oficial recrea a proa dos paquebotes que arribaban desde Galicia, a finais do século pasado, ata o porto habaneiro. Foi asemade destino de decenas de milleiros de galegos e galegas na primeira metade do século XX.

En reciprocidade, e en tempos máis recentes, Galicia pasou a ser destinos de moitos cubanos e cubanas –vinculados ou non familiarmente coa nosa terra-, e cómpre lembrar que nos momentos de maior peche e presión internacional sobre a illa, Galicia alimentou as ligazóns con ela.

Nese aspecto de amosar a profunda relación entre ambas beiras do Atlántico á marxe de distancias xeográficas ou políticas, foi pioneira a presenza na illa do falecido Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, quen recuperou as históricas vinculacións entre ambas terras. Unha ligazón que renovou, relanzou e fortaleceu e puxo ao día o Presidente Alberto Núñez Feijóo no ano 2013 cunha nova visita á illa, moito antes de que o fixeran moitos outros mandatarios e mandatarias estranxeiros. Cuba entrou nun novo proceso de actualización do seu modelo económico no que Galicia tamén quere estar ao lado do pobo cubano, novamente para axudar”.

Na cita de finais de maio agárdase a presenza de representantes de máis dun centenar de organizacións con recoñecemento oficial de galeguidade, que debaterán sobre os principais asuntos actuais de interese dos cidadáns e as cidadás residentes fóra da Galicia territorial.

A metade, desde América
Os presidentes ou presidentas das distintas asociacións serán os encargados de representar a voz das e dos emigrantes no foro. As entidades con presenza no Plenario teñen a súa sede no resto das comunidades autónomas españolas, noutros países de Europa, e tamén alén o Atlántico, que achega a metade dos delegados e delegadas.

Así, das algo máis de cen entidades con representantes no Pleno, a día de hoxe teñen xa confirmada a súa presenza representantes de 85 delas: 46 procedentes de terras americanas, 11 de países europeos distintos de España, e 28 de comunidades españolas distintas a Galicia. O Plenario do Consello das Comunidades Galegas é o órgano de deliberación máis importante da diáspora galega, por canto nel teñen cabida tódalas entidades con recoñecemento oficial de “comunidade galega”. Reúnese unha vez cada tres anos, representando a imaxe máis fiable da emigración galega do momento.

Nesta undécima cita abordaranse múltiplas cuestións relacionadas cos movementos migratorios de cidadás e cidadáns galegos e as e os seus descendentes, e as comunidades que os aglutinan. O encontro pivotará en torno a catro asuntos centrais: o desenvolvemento tecnolóxico para un mellor servizo á cidadanía galega que reside fóra do territorio; o papel social das entidades galegas no Exterior; a análise do pasado, presente e –sobre todo- futuro da súa achega cultural; e os retos da Galeguidade para o futuro inmediato e cara as segundas xeracións nadas xa na diáspora.

Elección de delegados
Finalmente, e como corresponde legalmente, o Pleno escollerá os membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación entre plenarios, posto que os actuais vencen mandado coa celebración desta XI edición da máis importante cita da Emigración galega.

A Comisión é un órgano, que se reúne polo menos unha vez ao ano, no que delega, por votación, a súa representación o Consello das Comunidades Galegas, formado polo centenar amplo de centros e casas de Galicia con recoñecemento oficial de “comunidade galega”, espallados por todo o mundo.

Forman parte da Comisión 14 membros. Catro electos en representación dos centros e casas de Galicia en España, outros catro electos por aqueles con sede en Europa, e outros catro electos polos de América. A eses doce súmanse os centros considerados ‘membros natos’, que son aqueles que superan as 25.000 persoas asociadas; neste momento, a Hermandad Gallega de Venezuela, de Caracas, e a Casa de Galicia, de Montevideo.

1521 lecturas