Miranda remata a súa viaxe no Brasil asinando un novo convenio en favor das galegas e galegos residentes en Santos

Presidiu asemade unha xuntanza entre as dúas entidades galegas con relevante presenza social na cidade brasileira.

  • Visita de Miranda ao ‘Centro de Convivencia Rosalía de Castro’
    Visita de Miranda ao ‘Centro de Convivencia Rosalía de Castro’
  • O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, con membros da directiva do Centro
    O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, con membros da directiva do Centro
  • Miranda e Casto Viéitez, durante a sinatura do convenio
    Miranda e Casto Viéitez, durante a sinatura do convenio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, rematou a súa nova viaxe a Brasil coa sinatura dun novo convenio de colaboración entre o departamento que dirixe e a ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro’ na localidade de Santos, que preside Casto Viéitez.

O documento ten por finalidade a de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes na zona, a través do ‘Centro de Convivencia’ que posúe a institución galaico brasileira, convenio que ten valor de doce mil euros. Os beneficiarios e beneficiarias do acordo serán as persoas maiores de orixe galega ou descendentes destas, ata o segundo grao de consanguinidade, con nacionalidade española e problemas derivados da dependencia.

Estipúlase no convenio que se proporcionará a estas persoas beneficiarias unha asistencia social individualizada, a través da figura dun traballador social, que exercerá as funcións de coordinador do servizo; asesoramento en saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde na persoa maior, servizo de dinámicas socioculturais, e xornadas médicas preventivas. O acordo asinado tamén abrangue a posibilidade de axudas individuais para adquisición de medicamentos de carácter  asistencial básico.

A ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro’ de Santos ten por principal obxectivo mellorar e ampliar a asistencia médica en xeral e asistencia social desinteresada ás persoas da terceira idade necesitadas con enderezo en Santos e nas cidades veciñas. O seu labor céntrase nas e nos emigrantes anciáns galegos, e por extensión españois e españolas, que se encontran en estado de carencia.

O municipio de Santos recoñeceu a extraordinaria labor das dúas sociedades outorgándolle o título de Utilidade Pública na semana na que celebraba o seu centenario, no ano 2000. Recibe achegas de distintas administracións españolas, entre elas a galega. Posúe local social e terreos en propiedade con amplas instalacións sanitarias.

Tamén cos e coas do ‘Centro Espanhol’
Ademais de socios e socias desta entidade, Miranda compartiu a súa derradeira xornada desta viaxe ao Brasil cos do Centro Espanhol da mesma localidade. Historicamente, o Centro Espanhol de Santos foi un referente social na zona, frecuentado pola nobreza da zona, especialmente no primeiro terzo do pasado século XX. Desenvolve desde sempre un importante labor no campo das actividades sociais, culturais e deportivas, así como asistenciais e benéficas dirixidas aos socios e socias e respectivas familias, de orixe, na súa maioría, galega e española. No ano 1997 foi galardoado coa Medalla de Galicia de Prata.

Miranda concluíu a súa presenza en Santos, e en Brasil, cunha reunión con membros das xuntas directivas de ambas entidades, a ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro’ e mailo ‘Centro Espanhol e Repatriaçâo’. Con elas e eles, Miranda analizou a actualidade da diáspora galega nunha cidade na que a presenza de Galicia é especialmente salientable. Ademais de ser una das comunidades máis numerosas entre as alí asentadas, a presenza da nosa colectividade é moi prezada nos ámbitos social, educativo, empresarial, económico e cultural.

1227 lecturas