O DOG publica a convocatoria para axudas individuais, das que se benefician oito mil familias galegas residentes no exterior en situación de precariedade, que neste ano chega a 2’1 millóns de euros

Volve adiantarse esta convocatoria respecto a edicións anteriores, co gallo de que esta axuda, fundamental en moitos casos para o mantemento das condicións de vida dos galegos e as galegas da diáspora, se tramite coa maior celeridade posible.

Aumenta o orzamento para esta acción social, ata a devandita cifra, o que supón en torno á terceira parte do orzamento efectivo de Emigración de 2016.

O prazo para as solicitudes rematará o 8 de febreiro, polo que os trámites de presentación tamén se adiantan, respecto do exercicio pasado, en catro semanas.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a convocatoria das axudas económicas individuais a residentes no Exterior para o ano 2016, da Secretaría Xeral da Emigración, cumprindo así o compromiso adquirido ante as e os representantes da diáspora polo seu titular, Antonio Rodríguez Miranda, de volver adiantar todo o posible os prazos administrativos para a súa tramitación.

Tamén en consonancia co compromiso establecido polo Presidente Feijóo ao respecto de mellorar o investimento en materia social –coincidindo co inicio da recuperación económica-, Emigración axuda con esta convocatoria a paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención socio sanitaria dos galegos e as galegas en situación económica máis delicada, e realiza a achega de fondos coa maior axilidade posible. O prazo para a presentación das solicitudes remata o 8 de febreiro, polo que os trámites para dar comezo ao proceso administrativo conclúen un mes antes ca no exercicio do 2015.

Trátase do principal investimento que realiza o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, o máis relevante no aspecto de dotación económica e tamén de relevancia social. A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva, dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Esta actuación da Secretaría Xeral da Emigración alivia a situación de case oito mil familias galegas no Exterior cada ano, e cómpre salientar o aumento do esforzo nesta materia, pois ten aumentado o orzamento destinado a estas axudas ata acadar a cifra de dous millóns cen mil euros, nova mostra da aposta do Goberno galego polo investimento social.

Criterios
O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e cumprir os requisitos de necesidade estipulados en de cada tipo de axuda. A convocatoria abrangue sete tipos de axuda.

As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

Outras axudas adiantadas
Ademais destas axudas económicas individuais, o Diario Oficial de Galicia publicará tamén, antes de que remate o ano, a convocatoria dalgunhas das achegas anuais a comunidades galegas. A través delas, aténdense igualmente as necesidades de milleiros de galegas e galegos residentes no Exterior.

1304 lecturas