A Xunta potencia a súa aposta social coa sinatura dun novo convenio asistencial para a diáspora galega

O secretario xeral da Emigración comeza hoxe unha nova visita Uruguai e Arxentina, países nos que asistirá a diversas reunións de traballo dos ámbitos social e tecnolóxico.

Foto de arquivo do 'Bos Aires celebra Galicia' que tivo lugar o pasado setembro na capital arxentina
Foto de arquivo do 'Bos Aires celebra Galicia' que tivo lugar o pasado setembro na capital arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia unha nova viaxe a Arxentina e Uruguai, co obxectivo de asinar un convenio en materia socioasistencial para os galegos e as galegas residentes en Montevideo, asistir a diversas xuntanzas preparatorias de accións programadas desde o seu departamento, e outros da Administración autonómica, e achegarse a coñecer a actualidade da diáspora galega nos dous países.

Así, na xornada de hoxe xoves, e en compañía do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, Miranda reúnese co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj, con quen irá perfilando detalles da segunda edición do Bos Aires celebra Galicia, evento popular previsto para o vindeiro mes de setembro.

Precisamente, e xa pola tarde –noite en Galicia-, Miranda asistirá á reunión de coordinación desta cita popular, organizada polas colectividades galegas con presenza na capital arxentina. Dado o éxito da primeira edición, a diáspora redobra esforzos por facer aínda máis lucida a segunda entrega da gran celebración das galegas e dos galegos na capital arxentina.

O secretario xeral tamén asistirá a outra xuntanza, nesta ocasión para a organización previa do programa Conecta con Galicia. Mediante esta iniciativa, Emigración colabora para que cada ano mozas e mozos descendentes de cidadás e cidadáns galegos na diáspora poidan coñecer persoalmente a Galicia actual e moderna, como mecanismo para favorecer o coñecemento da Galicia territorial, e por tanto fomentar a súa vinculación e arraigo, das xeracións novas de galegas e galegos xa nados no Exterior. Desta maneira, a mocidade na diáspora serve de cadea de transmisión dos tesouros turísticos, culturais e sociais da nosa terra entre a súa contorna inmediata, mediante a propia experiencia persoal, de xeito que se provoca un efecto multiplicador directo da presenza e influenza reais de Galicia no Exterior.

Novo convenio
Miranda achegarase xa mañá venres ata a outra beira do Río da Prata, onde en primeiro lugar conversará sobre a actualidade da colectividade galega residente no Uruguai co embaixador de España nese país, Roberto Varela, para despois trasladarse canda el ata o Fogar Español de Anciáns de Montevideo, onde terá lugar a sinatura do convenio de colaboración en materia socioasistencial entre a Xunta e mais esta entidade.

Máis tarde, o responsable autonómico en materia de Emigración asiste a unha nova xuntanza preparatoria do Conecta con Galicia, esta vez coa mocidade galega descendente de emigrantes no Uruguai, e tamén a outra reunión de traballo entre representantes do dominio .gal e centros da colectividade galega. Cómpre lembrar que, entre os múltiplos colectivos impulsores deste dominio na internet, cóntanse varios da diáspora no Uruguai.

Rodríguez Miranda concluirá esta nova viaxe compartindo a celebración de San Xoán coa colectividade galega na propia Casa de Galicia, e tamén nun evento social e lúdico especial organizado polo Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Val Miñor de Montevideo.

1337 lecturas