Santiago de Compostela será a cidade protagonista da Feira Internacional do Libro de Bos Aires no ano 2016

A capital galega acaba de ser nomeada ‘Cidade Convidada’ na próxima edición deste encontro.

O conselleiro de Cultura e Educación agradeceu hoxe en Arxentina este recoñecemento, que é boa proba da relevancia, talento e profesionalidade do sector galego editorial e do libro.

  • Santiago de Compostela será a cidade protagonista da Feira Internacional do Libro de Bos Aires no ano 2016
    Santiago de Compostela será a cidade protagonista da Feira Internacional do Libro de Bos Aires no ano 2016
  • Santiago de Compostela será a cidade protagonista da Feira Internacional do Libro de Bos Aires no ano 2016
    Santiago de Compostela será a cidade protagonista da Feira Internacional do Libro de Bos Aires no ano 2016
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 10 de maio de 2015.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou onte na Feira Internacional do Libro de Bos Aires no acto no que se deu a coñecer que a capital de Galicia, Santiago de Compostela, será a Cidade Convidada de Honra deste evento. Un papel protagonista para o sector editorial e do libro galego que o titular do departamento de Cultura da Xunta cualificou como “unha oportunidade para mostrar o enorme talento literario galego e para consolidar a nosa industria do Libro no exterior”.

Tras a sinatura onte do convenio de traspaso, Santiago de Compostela convértese na terceira cidade convidade á Feira do Libro de Bos Aires, despois de Amsterdam en 2014 e cidade de México en 2015. O departamento de Cultura da Xunta e mais a Feira Internacional do Libro de Bos Aires están xa a preparar un memorando para a colaboración na programación que Galicia levará á cidade porteña no 2016, baixo o lema de ‘Santiago de Compostela. SCQ Pórtico de la Gloria’. O obxectivo é acadar unha programación que teña como eixo vertebrador o libro e que incorpore, asemade, outras manifestacións da nosa cultura, como o teatro ou o audiovisual.

Neste sentido o presidente da Fundación El Libro - organizadora da feira-, Martín Gremmelspacher, adiantou que, o ano próximo a feira dará “un paso máis adiante” xa que, ademais das actividades que se veñen realizando, vaise traballar tamén con cine e teatro.

No acto de traspaso participaron o conselleiro, o delegado do goberno galego en Bos Aires, Alejandro López Dobarro; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o ministro de Cultura porteño, Hernán Lombardi; e o presidente da Fundación El Libro, Martín Gremmelspacher, entre outras autoridades.

Protagonistas no maior mercado literario de América Latina
O convite a Santiago de Compostela para participar na edición de 2016 da feira supón unha gran oportunidade para a difusión da obra das autoras e autores galegos, así como das editoriais e da cultura do país en xeral. Cun espazo e programación destacada no marco das actividades que se realizan neste evento, a consideración como cidade convidade é un escaparate único para a proxección das letras galegas no mercado literario de América Latina, que ten unha estreita vinculación con Galicia, tanto polo idioma como polos movementos migratorios. Servirá, ademais, para fortalecer a relación bilateral entre a nosa Comunidade Autónoma e a coñecida como ‘quinta provincia galega’, aproveitando para executar accións de proxección exterior da lingua galega entre a nutrida comunidade emigrada na Arxentina.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que a mellor expresión do talento creativo galego floreceu durante o século XX en Bos Aires, a través de nomes como os de Castelao, Seoane, ou Dieste, entre moitos outros. Non en balde, no acto de traspaso o Ministro de Cultura porteño, Hernán Lombardi, salientou a "relación fraternal" existente entre Galicia e Arxentina, iniciada desde o momento inicial do país e que se fortaleceu coa emigración durante os séculos XIX e XX.

No marco deste acto, celebrado hoxe na 41ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires, o conselleiro tivo a oportunidade de manter unha xuntanza co director Institucional e Cultural da Fundación El Libro, Oche Califa; así como de intercambiar opinións coa delegación galega que estes días participa na feira. Neste sentido cómpre lembrar que, co apoio da Consellería, 5 editoriais galegas toman parte estes días do mercado editorial porteño, en concreto Alvarellos, Bululú, Galaxia, MC Sport e Nova Galicia Edicións. Ademais, a Xunta enviou á feira libros dos selos Rinoceronte, Galaxia, Trymar, Sotelo Blanco, Xerais e Linteo, co fin de impulsar a internacionalización destas empresas culturais.

Encontro coa colectividade galega
Durante a súa viaxe de traballo a Bos Aires, Román Rodríguez reuniuse tamén coa delegación arxentina da Fundación Galicia América e o Colexio Santiago Apóstol, primeiro colexio galego-arxentino na Galicia exterior, que naceu coa finalidade de afianzar e acrecentar o proceso de afirmación, de conformación e conservación da identidade galaico-arxentina. O centro abriu as súas portas en 1998 e nestes 15 anos de historia foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis de infantil, primaria e secundaria. Desde o ano 2003, o centro de ensino conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega, que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e trazos da identidade e da cultura do noso país na escola, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado. O alumnado cursa nel as materias, co galego como lingua vehicular, de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

Así mesmo o conselleiro reuniuse coa Federación de Sociedades Galegas na República de Arxentina e cos responsables do Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA). Co gallo deste encontro, visitou este centro museístico,e interesouse polo funcionamento do Obradoiro de Restauración e da Biblioteca Galega de Bos Aires “Antonio Pérez-Prado”. Finalmente, o conselleiro asinou no Libro de Honra da institución

Antes de regresar mañá a Galicia, Román Rodríguez visitará tamén o Centro Lalín Agolada e Silleda na capital arxentina, un espazo que desde o ano 1982 a nosa institución mantén o compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas entre os seus socios e socias, novas xeracións e público en xeral. Así mesmo, participará na celebración do 80 aniversario do Centro Arzuano Melidense, entidade fundada en 1935 co fin de reunir ás persoas vencelladas ás comarcas de Arzúa e Melide e, coa súa colaboración, promover e cultivar os valores, o patrimonio cultural, artístico, histórico e gastronómico da nosa terra en Bos Aires.

1068 lecturas