Axudas do programa "Reencontros na Terra" para residentes no exterior. Ano 2015

Listen to this page using ReadSpeaker
3228 lecturas
Información do programa e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 9 de marzo de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e convocan as subvencións do Programa Reencontros na Terra para residentes no exterior, durante o ano 2015.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
17.03.2015
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto e finalidade das axudas:
Este programa ten por obxecto promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Prazas convocadas:
A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países queda fixada para o ano 2015, do seguinte xeito:

País Nº de prazas
Arxentina 77
Brasil 10
Cuba 7
Uruguai 30
Venezuela 9
Outros países 2
Total 135

 

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25% do total das 135 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

Datas de realización:
As persoas beneficiarias deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país.

As persoas participantes residirán durante 14 días nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

Serán por conta das persoas participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia todos os gastos durante o tempo que permanezan coa súa familia, unha vez fina¬lizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30, 60 ou 90 días desde a súa chegada a Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes

Ata o 18 de maio de 2015 (prazo de 2 meses contados a partir do seguinte ao de publicación).

Persoas beneficiarias:

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguin­tes requisitos:

  1.1. Ser emigrante galega.

  1.2. Ter a nacionalidade española.

  1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.

  1.4. Ter, ao menos, 65 anos feitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

  1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.

  1.6. Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

  1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación eco­nómica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multipli­car o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre e cando estas cumpran os re­quisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

Documentación a presentar:

1. A documentación que deberá achegar a persoa solicitante é a seguinte:

  - Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.

  - Documento acreditativo da identidade e nacionalidade.

  - Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

  - Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

  - Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar. No caso de que non estivesen obrigados a realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.

  - Nos países en que non exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais mem­bros da unidade económica familiar.

  - Certificado médico, segundo o modelo normalizado (anexo II).

  - Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

  - Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria das prestacións eco­nómicas por ancianidade do Estado español. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 2 do artigo 11 da resolución de convocatoria.

  - Unha fotografía recente, tamaño carnet.

2. O/a cónxuxe ou persoa unida á persoa solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

  - Documentación acreditativa da identidade.

  - Documentación acreditativa da residencia en América.

  - Certificado médico segundo o modelo do anexo IV.

  - Unha fotografía recente, tamaño carnet

Lugar de presentación das solicitudes:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do for­mulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen per­soas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

  – Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

  – Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

  – Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

• En Cuba:

  – Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

  – Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa interesada lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calque­ra dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na Rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse na paxina web http://emigracion.xunta.es.

Documentación adxunta:

  - FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES: Picar aquí para acceder á sede electrónica

  - Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
18.05.2015