Publicada a convocatoria de obradoiros e seminarios de Emigración en colaboración coas comunidades galegas para 2015

Por demanda das propias entidades, consolídase a especialidade de cultura galega.

Ademais desta disciplina, impartiranse nas comunidades galegas do Exterior durante este ano, coa axuda da Xunta, accións formativas en baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía, cociña galega, e artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional).

Adiántase nun mes a convocatoria respecto de edicións pasadas, coa finalidade de que as e os beneficiarios teñan tempo abondo para planificar os desprazamentos.

Calcúlase en máis de 50.000 o número de alumnas e alumnos que ata o momento teñen recibido algunha formación impartida ao abeiro desta resolución anual.

Na foto, clausura do obradoiro de maior afluencia en 2014, o de percusión impartido na segunda quincena de novembro en México D.F. polo profesor Alexandre Fernández Castro e organizado do Centro Galego da capital azteca
Na foto, clausura do obradoiro de maior afluencia en 2014, o de percusión impartido na segunda quincena de novembro en México D.F. polo profesor Alexandre Fernández Castro e organizado do Centro Galego da capital azteca
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega en colaboración coas entidades galegas do Exterior.

Concretamente e na edición deste ano, os obradoiros convócanse para as especialidades de baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional), cociña galega, e seminarios de cultura galega. No caso destes últimos, consolídanse este ano na convocatoria, debido á súa demanda por parte dos propios centros e comunidades galegas do Exterior, despois de térense estreado con óptimo aproveitamento na edición do pasado ano.

A formación desenvolverase ao longo de 15 días, cun tempo docente total de 40 horas, agás no caso dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura, cuxa duración e tempo lectivo redúcese á metade.

Emigración destina neste ano orzamentario para esta iniciativa 90.000 euros, cos que sufraga a remuneración da persoa docente, o custo do desprazamento do formador ou formadora ao lugar de realización do curso, o custo do material necesario para impartir os obradoiros de carácter artesanal, de cociña, seminarios de cultura galega e, se é o caso, do seu envío, e o custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.

Obrigas das comunidades
Pola súa banda, as entidades galegas fanse cargo dos gastos de estadía e manutención do formador ou formadora en lugar e condicións axeitadas, dos gastos de traslado da persoa formadora dentro da cidade onde teña lugar o curso, da xestión e dotación das instalacións axeitadas, e da subministración doutro material funxible necesario.

Na convocatoria, que fixa nun mes o prazo de presentación das solicitudes, estipúlanse asemade a documentación necesaria e o procedemento e criterios de valoración para a adxudicación dos cursos, así como os sistemas de seguimento e control. A publicación no DOG tense adiantado nesta ocasión un mes respecto de edicións pasadas, co obxectivo de que as persoas que viaxen ao abeiro do programa teñan tempo abondo para planificaren os seus desprazamentos ata e en Galicia.

É de salientar que o alumnado destes obradoiros, grazas á instrución e mellora das súas habilidades, acrecenta o seu interese e vinculación con Galicia. Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo, pero sobre todo fornécese a ligazón entre a Galicia territorial e os seus fillos espallados por todo o mundo”.

Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións dos obradoiros e seminarios convocados por Emigración desde hai máis de 20 anos, máis de 50.000 alumnas e alumnos.

1239 lecturas