O D.O.G. publicará de maneira inminente a convocatoria das axudas individuais da Secretaría Xeral da Emigración

Mantendo o compromiso social do Goberno galego, blíndanse dous millóns de euros para as axudas individuais para galegos e galegas no Exterior en situación de alta precariedade.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publicará nas vindeiras xornadas a convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, máis relevante no aspecto de dotación económica e relevancia social. Trátase da orde para axudas económicas individuais a galegos e galegas residentes no exterior para o exercicio de 2015, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinados das e dos seus familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Emigración, en consonancia co compromiso establecido polo Presidente Feijóo ao respecto de manter e blindar o investimento en materia social, axuda a paliar con estas axudas as necesidades básicas de subsistencia e atención socio sanitaria dos galegos e galegas en situación económica máis delicada.

Esta actuación da Secretaría Xeral da Emigración alivia a situación de case oito mil familias galegas no Exterior cada ano, e a consolidación da cifra destinada a estas axudas (dous millóns de euros) é unha nova mostra da aposta do Goberno galego polo investimento social. O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración

Sete tipos
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e cumprir os requisitos de necesidade estipulados en de cada tipo de axuda. A convocatoria abrangue sete tipos de axuda.

As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

1174 lecturas