O Presidente e a conselleira da Presidencia de Cantabria uníronse a Miranda na celebración dos 80 anos do Centro Galego de Santander

A colectividade está a reforzar os programas dirixidos á mocidade para facela máis atractiva a mozas e mozos.

Os galardoados co premio de literatura Julio Camba, organizado polo Centro, son orixinarios doutras dúas comunidades autónomas, o que amosa a relevancia da iniciativa e a interrelación da diáspora galega.

  • Na imaxe, con gravata azul, o Presidente Diego; á súa dereita, Rodríguez Miranda; e á esquerda, José Antonio Otero Hermida
    Na imaxe, con gravata azul, o Presidente Diego; á súa dereita, Rodríguez Miranda; e á esquerda, José Antonio Otero Hermida
  • Na imaxe, con gravata azul, o Presidente Diego; con garabata vermella, Rodríguez Miranda; e con gafas vermellas, a conselleira Leticia Díaz
    Na imaxe, con gravata azul, o Presidente Diego; con garabata vermella, Rodríguez Miranda; e con gafas vermellas, a conselleira Leticia Díaz
  • Ignacio Diego asinando no Libro de honra do Centro Galego de Santander
    Ignacio Diego asinando no Libro de honra do Centro Galego de Santander
  • Antonio Rodríguez Miranda asinando no Libro de honra do Centro Galego de Santander
    Antonio Rodríguez Miranda asinando no Libro de honra do Centro Galego de Santander
  • De esquerda a dereita: José Antonio Otero Hermida; Ignacio Diego, Antonio Rodríguez Miranda; e Leticia Díaz
    De esquerda a dereita: José Antonio Otero Hermida; Ignacio Diego, Antonio Rodríguez Miranda; e Leticia Díaz
  • Momento da actuación do grupo de gaitas
    Momento da actuación do grupo de gaitas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2014.

O Presidente do Goberno rexional de Cantabria, Ignacio Diego, e maila conselleira de Presidencia e Xustiza, Leticia Díaz, compartiron a celebración dos actos polos 80 anos do Centro Galego de Santander, que contaron, en representación do Goberno e pobo galegos, coa presenza do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. Tamén acudiron varias e varios concelleiros da corporación municipal santanderina.

Esta presenza institucional de máximo rango dá fe da capacidade de integración da colectividade galega na rexión, e do alto aprecio que a sociedade de acollida ten pola diáspora alí asentada. A esa irmandade referíronse tanto o Presidente cántabro como o secretario xeral galego ao asinaren, invitados por lo presidente do Centro, José Antonio Otero Hermida, no libro de honra da entidade.

Así, Diego destacou na súa dedicatoria a unión dos pobos galego e cántabro "que compartimos mar, paisaxe, tradicións e orgullo de ser todos españois", engadindo a súa felicitación pola actividade deste centro, ao que desexou unha longa vida “para continuar estreitando ligazóns entre ambas comunidades autónomas”. Este mesmo aspecto do traballo en común entre cántabros e galegos foi destacado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Centro puxante
Antes dos actos oficiais, Miranda entrevistouse cos socios e socias da entidade, e coa directiva da mesma, pioneira nos procesos de unión, pois foi hai 80 anos cando precisamente se uniran a Casa de Galicia e a Colonia Galega para formaren o Centro. As e os seus representantes informaron ao secretario xeral dos obxectivos de presente e futuro da entidade, entre os que destaca unha maior implicación da mocidade na súa actividade, para garantir plenamente o relevo xeracional nunha colectividade exemplar da Galeguidade.

Así, entre as múltiplas actividades de relevancia culturais e sociais que o Centro Galego de Santander organiza, e que transcenden as fronteiras cántabras, está a convocatoria dos premios literarios Rosalía de Castro e Julio Camba. Precisamente, coincidindo co 80 aniversario, entregáronse os galardóns aos gañadores deste segundo certame, un deles procedente da comunidade autónoma veciña de Castela e León, e outro de Andalucía, o que amosa por unha parte a ampla relevancia desta convocatoria, e doutra, a fonda interrelación entre as distintas colectividades galegas da diáspora.

Ademais da sinatura no libro de honra, da misa conmemorativa previa, da entrega dos premios Julio Camba, e das insignias aos socios e socias con máis de 50 anos na entidade, tamén tivo lugar a inauguración dunha mostra sobre os 80 anos da entidade, exposición de imaxes fotográficas e documentos –ademais de tódolos exemplares da revista do Centro desde a súa fundación- que supoñen “un repaso da historia de Galicia en Cantabria, e tamén da propia historia de Cantabria”, segundo asegurou o secretario xeral da Emigración.

Rodríguez Miranda valorou moi positivamente a xornada deste 80 aniversario do Centro Galego de Santander, “unha entidade modélica en moitos aspectos, que representa con total dignidade e altura ao pobo galego nesa terra irmá que é Cantabria”, segundo a súa propia definición.

 

Fotos: www.cantabria.es

1546 lecturas