‘Galicia, Pórtico Universal’ visita Córdoba esta fin de semana, co gallo da I Mostra Antropolóxica Galega

A Mostra Antropolóxica, posta en marcha pola Casa de Galicia na cidade, dá repaso con numerosas actividades ao pasado e presente da nosa terra para os milleiros de cordobeses e cordobesas que se acheguen ou pasen pola céntrica estación do AVE.

Ademais do secretario xeral da Emigración, na inauguración da área expositiva estiveron presentes a alcaldesa en funcións, a vicepresidenta segunda da Deputación, e o subdelegado do Goberno na provincia.

A coñecida gaiteira Susana Seivane actuará mañá sábado á noite para engadir máis atractivo á presenza da área expositiva sobre a Galicia real e actual.

  • Autoridades locais e provinciais, socios e socias da Casa de Galicia en Córdoba e público en xeral, ademais do secretario xeral da Emigración, asistiron ao acto de inauguración desta mañá en Córdoba
    Autoridades locais e provinciais, socios e socias da Casa de Galicia en Córdoba e público en xeral, ademais do secretario xeral da Emigración, asistiron ao acto de inauguración desta mañá en Córdoba
  • Autoridades locais e provinciais, socios e socias da Casa de Galicia en Córdoba e público en xeral, ademais do secretario xeral da Emigración, asistiron ao acto de inauguración desta mañá en Córdoba
    Autoridades locais e provinciais, socios e socias da Casa de Galicia en Córdoba e público en xeral, ademais do secretario xeral da Emigración, asistiron ao acto de inauguración desta mañá en Córdoba
  • Autoridades locais e provinciais, socios e socias da Casa de Galicia en Córdoba e público en xeral, ademais do secretario xeral da Emigración, asistiron ao acto de inauguración desta mañá en Córdoba
    Autoridades locais e provinciais, socios e socias da Casa de Galicia en Córdoba e público en xeral, ademais do secretario xeral da Emigración, asistiron ao acto de inauguración desta mañá en Córdoba
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurou este mediodía en Córdoba a área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’, instalada na céntrica Avenida da Liberdade, a carón da nova estación do AVE, co gallo da Mostra Antropolóxica Galega que organiza a Casa de Galicia na cidade andaluza.

Esta iniciativa, que celebra esta ano a súa primeira edición, leva desde o pasado mércores desenvolvendo diversas actividades en colaboración con entidades locais, como un ciclo de conferencias sobre diversos aspectos da realidade e actualidade galegas. Tamén se aproveitou a circunstancia para convocar desde a Casa de Galicia de Córdoba o concurso literario ‘Rosalía de Castro’, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e a Secretaría Xeral da Emigración.

Ademais, téñense levado a cabo varios actos sectoriais. Entre os máis salientables, e mercé á colaboración coa Xunta de Galicia e a Escola de Sumilleres de Córdoba, esta mesma mañá tivo lugar unha cata de produtos galegos para público especializado, na sede da propia escola. Asemade, asociacións de profesionais da hostalaría local colaboran nas que teñen lugar na área expositiva.

Apoio local
Ao acto de inauguración de ‘Galicia, Pórtico Universal’ asistiron tamén a primeira tenente de alcalde e alcaldesa en funcións, Ana Tamayo, a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial e concelleira de Servizos Sociais en Córdoba, María Jesús Botella, e mailo subdelegado do Goberno na provincia cordobesa, Juan José Primo, entre outras autoridades locais, así como a propia presidenta da Casa de Galicia de Córdoba, Rosa María Outeiriño, e numerosos socios e socias da entidade.

‘Galicia, Pórtico Universal’ reforza coa súa presenza a iniciativa da comunidade galega en Córdoba de achegar o pasado, presente e futuro de Galicia, a súa realidade e viveza, aos seus veciños e veciñas. Ademais, e para facer máis atractiva a oferta para a diáspora galega residente en toda Andalucía, e tamén a todas e tódolos residentes, a gaiteira Susana Seivane porá o broche de ouro ao sábado noite na área expositiva.

Coa súa presenza na antiga cidade califato, ‘Galicia, Pórtico Universal’ remata o seu percorrido deste ano 2014, despois de ter atraído a atención das e dos residentes e visitantes de Barcelona, Hamburgo, Vitoria e Bos Aires, primeira vez que daba o salto ao outro lado do Atlántico. E remata este segundo ano de novo en terra andaluza, pois en 2013 acabou en Sevilla.

Colaboración coa diáspora
Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a presenza por segundo ano en Andalucía de “Galicia, Pórtico Universal” demostra “a capacidade e eficiencia na unión de esforzos entre distintos departamentos administrativos, optimizando os recursos, así como a posibilidade mesmo de tender pontes de colaboración con outras administracións. Pero, ante todo, pon de relevo a profunda vontade de colaboración das comunidades galegas co progreso e desenvolvemento de Galicia, e a capacidade asombrosa das mesmas para facer atractiva a súa terra ante os ollos dos seus respectivos veciños”.

A área inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, área de información de Turismo de Galicia, e unha aula profesional de cata. Este ano, ademais, inclúe como novidade salientable diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e tamén a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.

Por iniciativa da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía e Industria, púxose en marcha este proxecto, que ten coma obxectivo a promoción de produtos de orixe galega, así como Galicia en xeral como referente turístico e de investimento pola alta calidade de tódolos seus servizos, aproveitando as diferentes actividades que os centros galegos realizan por diferentes motivos ao longo do ano. Deste xeito, os galegos e as galegas da diáspora actúan como embaixadores da promoción da calidade de Galicia e os seus produtos.

Compromiso cumprido
Con “Galicia, Pórtico Universal” o Goberno galego cumpre a resolución do Parlamento de Galicia do último debate sobre o Estado da Autonomía. Nesa resolución, a cámara autonómica instaba á Xunta a que “elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas Comunidades Galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago”.

1817 lecturas