Hamburgo acolle ata o domingo “Galicia, Pórtico Universal”, iniciativa das Comunidades Galegas no exterior apoiada pola Xunta

A presenza desta área expositiva sobre Galicia e a súa calidade coincide coa visita ao porto alemán do buque insignia da Armada Española, o ‘Juan Sebastián Elcano’.

Esta iniciativa cumpre a resolución do Parlamento de Galicia para a posta en marcha dun plan de actuación para a promoción exterior.

A área permanece aberta desde hoxe xoves na cidade alemá, entrada de milleiros de turistas de cruceiro.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2014.

O porto de Hamburgo acolle desde hoxe xoves e ata o domingo a área expositiva “Galicia, Pórtico Universal”, infraestrutura para a promoción exterior da Comunidade Autónoma, que comezara o pasado maio en Barcelona a súa andaina deste o seu segundo ano de existencia.

A área expositiva sobre Galicia e a súa calidade recibirá no porto hamburgués a diversos cruceiros con milleiros de turistas, que asemade coinciden na súa chegada coa presenza no mesmo peirao do buque insignia da Armada Española, o Juan Sebastián Elcano. A estadía en Hamburgo de ‘Galicia, Pórtico Universal’ será clausurada o vindeiro domingo coa presenza do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o Embaixador de España en Alemaña, Pablo García-Berdoy Cerezo, o secretario de Estado Parlamentario de Infraestruturas da República Federal, Enak Ferlemann, e outras autoridades locais.

Este e o segundo ano que esta área promove Galicia noutras Comunidades Autónomas e países. No pasado mes de maio, comezou este segundo ano de percorrido no porto de Barcelona; e, trala estadía en Hamburgo, atraerá a a atención da poboación local e turistas que se acheguen a Vitoria e Córdoba. Ademais, saltando por vez primeira o Atlántico, tamén en setembro estará en Bos Aires, grazas ao acordo acadado co Goberno da Cidade.

Promoción de Galicia
‘Galicia, Pórtico Universal’ inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e aula profesional de cata. Este ano, ademais, inclúe como novidades salientables diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.

Todo este conxunto de actividades instálase en función das características do lugar onde se realiza, de tal xeito que se poden aproveitar estruturas xa existentes (tal foi o caso o ano pasado da Casa Torre en Santurce), baixo unha carpa, ou ben empregar un sistema mixto, adaptándose ademais con facilidade á superficie dispoñible. No caso de Hamburgo, o lugar no que se empraza resulta idóneo para atraer a atención das e dos milleiros de turistas de cruceiro que desembarcan en Hamburgo.

Por iniciativa da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, Galicia Calidade, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, da Consellería de Economía e Industria, púxose en marcha este proxecto, que ten coma obxectivo a promoción de produtos de orixe galega, así como Galicia en xeral como referente turístico e de investimento pola alta calidade de tódolos seus servizos, aproveitando as diferentes actividades que os centros galegos realizan por diferentes motivos ao longo do ano. Deste xeito, as galegas e os galegos da diáspora actúan como embaixadores da promoción da calidade de Galicia e os seus produtos.

Mandato parlamentario
Con “Galicia, Pórtico Universal” o Goberno galego cumpre a resolución do Parlamento de Galicia do último debate sobre o Estado da Autonomía. Nesa resolución, a cámara autonómica instaba á Xunta a que “elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas Comunidades Galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago”.

Segundo o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, esta área expositiva demostra dous feitos importantes. O primeiro, “a capacidade e eficiencia na unión de esforzos entre distintos departamentos administrativos, optimizando os recursos, así como a posibilidade mesmo de tender pontes de colaboración con outras administracións”.

Colaboración das galegas e dos galegos do Exterior
Para Miranda, o segundo feito “é aínda máis importante: a presenza da área pon de relevo a profunda vontade de colaboración das comunidades galegas co progreso e desenvolvemento de Galicia, e a capacidade asombrosa das mesmas para facer atractiva a súa terra ante os ollos dos seus respectivos veciños, e para acadar esa colaboración entre administracións que antes comentaba”.

A área comezou o seu periplo en maio de 2013 cunha saída internacional, a outra cidade alemá, Frankfurt, coincidindo coa Semana Cultural Galega nesa capital financeira. O seguinte fito foi o Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, que se celebraba o pasado xullo en Santurce, na marxe esquerda do Gran Bilbao, e que este ano se celebrará en Vitoria, tamén coa presenza de ‘Galicia, Pórtico Universal’. A súa terceira etapa foi Barcelona, xa en setembro, no decurso das Xornadas Empresariais, Culturais e Gastronómicas de Galicia en Cataluña.

Na cuarta viaxe, a área tomou terra na Plaza Nueva de Sevilla, auténtico corazón da capital andaluza, coincidindo co V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais en Sevilla, organizado polo propio Concello hispalense, e que en 2013 se dedicaba precisamente a Galicia. Naquela ocasión, a área recibira a visita do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

1078 lecturas