A Fundación Galicia Europa organiza unha xornada sobre a perspectiva comunitaria da Formación Profesional

A formación, o emprendemento e a mobilidade serán os tres grandes eixos do programa.

Entre as e os poñentes incluiranse representantes de distintos departamentos da Comisión Europea, da administración galega, da rede EURES e da empresa privada.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2014.

A Xunta de Galicia a través da Fundación Galicia Europa e co apoio da Representación da Comisión Europea en España, celebrarán o vindeiro 14 de maio unha xornada informativa sobre a “Dimensión europea da Formación Profesional: formación, mobilidade e emprendemento”. O seminario, que terá lugar no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Santiago, será inaugurado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e Jochen Müller, da Representación da Comisión Europea en España.

O público ao que irá dirixida a xornada son o profesorado e orientadores e orientadoras de Formación Profesional de Galicia, a quen se dará a coñecer o marco europeo da Formación Profesional, as iniciativas existentes para apoiar o emprendemento e as oportunidades de mobilidade coas que conta o estudantado e tituladas e titulados de FP, co obxectivo de que poidan utilizar a información obtida no seu exercicio profesional e na súa relación co alumnado.

Formación e Emprego dentro da Estratexia Europa 2020
A primeira sesión da Xornada estará dedicada á importancia da “Formación e o Emprego dentro da Estratexia Europa 2020”, a axenda de crecemento adoptada en 2010 para promover un crecemento económico intelixente, sostible e integrador no seo da UE. Varios dos obxectivos concretos que foron establecidos para 2020 están centrados na educación e no mercado laboral, como son o aumento da taxa de emprego, o crecemento do número de tituladas e titulados superiores e a redución do abandono escolar.

Na mesa redonda que abrirá este bloque temático abordaranse, polo tanto, as medidas tomadas para contribuír a tales obxectivos dende as autoridades comunitarias e dende a Xunta de Galicia. Representantes da DG Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea falarán da necesaria adaptación dos plans formativos ao mercado laboral, ao tempo que Manuel Corredoira López, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación e Odilo Martiña Rodríguez, director xeral de Traballo e Economía Social introducirán o Plan Galego de Emprego Xuvenil 2014-2015. A continuación desta mesa redonda terá lugar un obradoiro para a busca de emprego, con representantes de departamentos de Recursos Humanos da empresa privada.

Emprendemento e creación de empresas
O segundo eixo temático será o do emprendemento, fundamental para o crecemento económico e a creación de emprego, que se está a fomentar a través de iniciativas de eido nacional e comunitario orientadas a facer que a posibilidade de montar unha empresa se converta nunha opción atractiva e factible para os cidadáns. Estas iniciativas serán discutidas nunha mesa redonda na que participará un representante do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e representantes da DG Empresa e Industria da Comisión Europea, que presentarán o Plan de Acción de Emprendemento 2020 posto en marcha dende a UE. Neste mesmo foro de debate explicarase o Programa Erasmus para Novos Emprendedores e daranse exemplos de boas prácticas en materia de promoción do emprendemento implantadas en centros educativos.

Seguindo coa promoción do autoemprego, a continuación presentaranse algunhas das iniciativas de apoio á creación de empresas en Galicia, entre as que se inclúen o programa EduEmprende, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as tomadas dende as Cámaras de Comercio de Galicia e dende o Consorcio da Zona Franca de Vigo, ou o novo portal Eugo.es, xanela única para a posta en marcha dun negocio.

Mobilidade dentro da UE
Para rematar a xornada, persoal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exporá as posibilidades de mobilidade existentes na UE para as e os estudantes e titulados e tituladas de Formación Profesional dentro do novo programa Erasmus +, que vén a substituír o antigo Leonardo Da Vinci.

Tamén serán presentadas outras ferramentas imprescindibles para a mobilidade dentro da Unión Europea como o CV Europass ou a rede EURES de colaboración entre oficinas de emprego público e a súa iniciativa “O teu primeiro emprego EURES”. O seminario clausurarase logo dunha mesa redonda onde persoal docente, empresas de acollida e antigas e antigos alumnos participantes en programas de mobilidade compartan as súas experiencias.

Como parte dun proxecto máis ambicioso, que se pretende tamén poida chegar ao alumnado de Formación Profesional, a xornada será complementada en outono deste mesmo ano por unha serie de catro charlas-coloquio que se organizarán nun CIFP de cada provincia galega.

1150 lecturas